- Tipo
- Tematica
O acto central da programación do 8M vaise a realizar o propio domingo, 8 de marzo, na Casa da Cultura de Bertamiráns cos dúas actividades. Pola mañá, de 11.00 a 12.30 horas, proxectarase o documental 8M A Voces, unha peza audiovisual promovida polo Concello de Ames, que nace coa vontade de poñer no foco as voces das mulleres do municipio no marco do Día Internacional da Muller, recollendo testemuños de vidas reais e diversas.
Dito acto, que estará presentado por Fátima Pego, comezará coa proxección dun vídeo no que se dará lectura ao manifesto institucional con motivo do 8M. De seguido, Fátima Pego será a encargada de dirixir o acto, que contará coa intervención do alcalde, Blas García, e coa proxección do documental 8M A Voces.
Trala proxección, que durará arredor de 35 minutos, abrirase un coloquio coas mulleres participantes no documental para falar das súas propias experiencias. Posteriormente, darase paso a unha rolda de preguntas das persoas asistentes ao acto e este pecharase coa lectura de versos por parte de varias representantes do Concello.
Ademais, o domingo 8 de marzo, durante a celebración do VII Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e III Campionato Xunta de Galicia de trail running Preclassic vaise a conmemorar o Día Internacional da Muller. Neste senso, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo que este ano esta proba deportiva “coincide co día da muller, polo tanto darémoslle visibilidade tanto nos dorsais como nunha pancarta que vai estar colocada na liña de saída”, e sentenciou: “no día da muller, poñeremos de manifesto que as mulleres estamos todos os días”.







