- Tipo
- Tematica
O acto central da programación do 8M vaise a realizar o propio domingo, 8 de marzo, na Casa da Cultura de Bertamiráns cos dúas actividades. Pola tarde, ás 18.30 horas, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o espectáculo O positivo de fracasar no amor, un monólogo teatral de Pablo Piñeiro.
Neste espectáculo Pablo Piñeiro debulla a súa obra literaria do mesmo nome e comparte o seu proceso persoal: dun mozo “analfabeto emocional” que aprendeu a cuestionar os mitos do amor romántico, os mandatos de xénero e as expectativas que condicionan as nosas relacións. Con humor, honestidade e historias nas que é doado recoñecerse, o espectáculo convida a reflexionar sobre como aprendemos a amar, como nos afectan os roles e que significa construír vínculos máis sans, máis conscientes e máis igualitarios.
No escenario acompáñao René Merino, que debuxa en directo o que lle suxire o texto, engadindo unha dimensión visual que transforma cada función nunha experiencia viva e irrepetible. Trátase dunha proposta que fai rir, que remexe por dentro e que deixa pegada. Porque quen entre no auditorio cunha idea do amor, probablemente saia con outra. Os convites para acudir a este espectáculo pódense obter na Billeteira electrónica do Concello de Ames.





