Axenda

Ex., 07-06-2024
Martes, 07 de maio de 2024

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle o martes, 7 de maio, a segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas. O evento está organizado por Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas en colaboración co Concello de Ames e e coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Con esta actividade, a entidade brinda recoñecemento sectorial a profesionais, entidades, instalacións, publicacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas de Galicia.

Sábado, 11 de maio de 2024

O Campo da Festa da Bugallido acolle o sábado, 11 de maio, a II Feira do Pan e do Cereal. Unha feira que nace co obxectivo de animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional. O evento, que busca ser un referente dentro do seu sector, arranca ás 11:30 horas con exposicións, charlas, obradoiros e degustacións. Todas as actividades son de balde e con entrada libre ata completar aforo.

martes, 14 de Maio de 2024 a xoves, 16 de Maio de 2024

Os días 14, 15 e 16 de maio a biblioteca do Milladoiro acolle unha sesión de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos. As familias interesadas poderán inscribirse entre o 6 e o 11 de maio chamando ao teléfono 981 530 807, ou enviando un correo a biblioteca@concellodeames.gal. Deben indicar nome, apelidos, idade e un teléfono de contacto.

Mércores, 15 de maio de 2024

O mércores 15 de maio, Mariña Pérez Rei presenta no Pazo da Peregrina de Bertamiráns "Finximentos", da editorial Xerais.

Nené baila unha danza de resistencia ao redor de Heinrich, nunha escena de xadrez que os volve invisibles. Os dous sobreviven nun mundo en crise, nun teatro de máscaras onde nada é o que parece e a identidade se torna un xogo, un intercambio efémero entre bambolinas.

Asalariados, estafadores ou grandes cínicos, os dous deambulan na procura dunha esquina limpa na costa galega para nadar ou para naufragar, para ocultar o seu amor entre dunas ou para sentirse vivos. Saben que a farsa empeza na propia gorxa, que o silencio é un baixío que hai que evitar, que o valor dunha conversa é infinito no perfil das apetencias. Aprecian tanto o que beben coma o tícket que amosa a súa consumición

Xoves, 16 de maio de 2024

Hoxe, ás 17:30 horas, partirá do centro de saúde do Milladoiro a andaina saudable de SaúdeAndo . As sesións, para as non é precisa inscrición previa, duran entre unha hora e hora e media, e teñen unha dificultade media-baixa. Estas saídas contan sempre coa presenza dun monitor de marcha nórdica, pensando nas persoas que desexen practicar esta modalidade (sempre de maneira voluntaria).

Mércores, 22 de maio de 2024

O mércores 22 de maio, Marga Cancela presenta no Pazo da Peregrina de Bertamiráns "O clamor das Virxe", de Medulia Editorial.

Desde a ficción do realismo máxico, a autora recrea a historia dunha das súas tías, Manola Negreira quen, entre 1939 e 1958, deu voz e visibilidade a un grupo de mulleres de aldea que, como ela, sufriron abusos a mans dos caciques da Galicia máis poderosa.

O resultado é unha novela sobre un grupo de mulleres que, sen sabelo, foron feministas e que, unha vez superados o medo e a vergoña, loitaron polos seus dereitos.

Xoves, 23 de maio de 2024

Hoxe, ás 17:30 horas, partirá do centro de saúde de Bertamiráns a andaina saudable de SaúdeAndo . As sesións, para as non é precisa inscrición previa, duran entre unha hora e hora e media, e teñen unha dificultade media-baixa. Estas saídas contan sempre coa presenza dun monitor de marcha nórdica, pensando nas persoas que desexen practicar esta modalidade (sempre de maneira voluntaria).

Xoves, 23 de maio de 2024

Para o mes de maio o Concello de Ames organiza un ciclo de monólogos da man de sete artistas galegos. A primeira sesión é o xoves 23 de maio, ás 21:00 horas, coa actuación de Quico Cadaval e Antía Costas na Casa da Cultura do Milladoiro. A entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica

Venres, 24 de maio de 2024

Para o mes de maio o Concello de Ames organiza un ciclo de monólogos da man de sete artistas galegos. A segunda sesión é o venres 24 de maio, ás 21:00 horas, coa actuación de Pepo Suevos e Adrián do Regenco na Casa da Cultura de Bertamiráns. A entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica.

Sábado, 25 de maio de 2024

A través do programa Trouleando, a Concellaría de Xuventude de Ames organiza unha xornada de surf para a mocidade do concello. Será o sábado 25 de maio, en Razo (Carballo) e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. As persoas interesadas poden anotarse enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre o 6 e o 13 de maio (ambos incluídos). Ofértanse 40 prazas, que se asignarán por orde de chegada.