Pestanas principais

Últimos días para participar na novena edición dos Premios Youtubeiras+

Venres, 14 novembro, 2025
O vindeiro domingo, 16 de novembro, remata o prazo para participar na novena edición de Youtubeiras+, o proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de promover o talento en galego nas redes sociais. Pódeste inscribir a través da páxina web youtubeiras.gal.

Os Premios Youtubeiras+ presentan a súa novena edición, que este ano abre a participación a contidos en galego en calquera rede social e en todos os formatos. Co lema “Alborotando o algoritmo”, o concurso, que ata a edición pasada só permitía concorrer a quen lanzase as súas creacións en YouTube e TikTok, amplía así o seu campo de acción e permite competir ás persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame. 

Categorías, premios e inscrición
Nesta novena edición, os Premios Youtubeiras+ repartirán 7500 € entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame este ano: Canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Todos os premios están dotados con 1000 €, agás os das dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden aos 1250 €. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 16 de novembro ás 23.59 horas. Pódeste inscribir na seguinte ligazón

A novidade deste ano é que o certame estará aberto para todo tipo de creacións en galego, de calquera rede social e en todo tipo de formatos. Deste xeito, amplíanse as posibilidades de participación un público máis amplo e preténdese achegar o certame aínda máis á mocidade.

Nesta edición, os Premios Youtubeiras+ repartirán 7.500 euros en premios, que se distribuirán entre sete categorías: canle de YouTube e canle de Tiktok  (1.250 euros cada unha), creación de contidos (1.000 euros), revelación (1.000 euros), calidade lingüística (1.000 euros), rede (1.000 euros) e o premio do público (1.000 euros).

Para este último galardón, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal. O prazo para facer estas propostas estará aberto ata o 16 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos. Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.