Pestanas principais

Últimas prazas dispoñibles para participar na andaina polo Mar de Ovellas

Luns, 1 xuño, 2026
O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística e Turismo, organizou para este domingo 7 de xuño unha andaina polo Mar de Ovellas. Esta actividade, incluída na programación de Rosalía 2026, estará teatralizada polos Quinquilláns e Lupe Blanco. A andaina rematará no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos. Dende o departamento de Normalización Lingüística informan que quedan as últimas prazas libres para esta actividade. As persoas que queiran participar teñen que escribir un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

O vindeiro domingo, 7 de xuño, en horario de 10.00 a 14.00 horas, volve a organizarse, por terceiro ano consecutivo, unha andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas, baseada no poema rosaliano “A probiña, que está xorda...!”. O dito poema localízase nesa costa e está recollido no libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”, editado polo Concello de Ames e a Fundación Rosalía de Castro cunha introdución explicativa da escritora e experta rosaliana María López Sández.

​“Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía” afonda na relación entre as Terras da Maía e propia vida e obra da autora. Así, no libro percórrense os distintos escenarios do concello amesá vinculados á vida e á obra da escritora. Entre eses escenarios podemos atopar o Pazo da Peregrina, os Muíños de Lapido, a casa paterna de Rosalía en Ortoño e a costa de Mar de Ovellas, mencionada no poema “A probiña, que está xorda!”.

​Ruta teatralizada polos Quinquilláns e pola regueifeira Lupe Blanco
​A andaina polo Mar de Ovellas desenvolverase coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e da regueifeira Lupe Blanco. Durante o camiño haberá diferentes paradas nas que o grupo de teatro Os Quinquilláns e Lupe Blanco nos achegarán á obra, á traxectoria e á vinculación da escritora co concello de Ames.

As persoas que queiran participar nesta actividade, que se vai realizar o domingo 7 de xuño, das 10.00 ás 14.00 horas, teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e lugar onde prefiren subir ao autobús (O Milladoiro ou Bertamiráns). O prazo de inscrición está aberto ata que se esgoten as prazas. Ofértanse 55 prazas que se cubrirán por orde de inscrición.

A andaina parte de Augapesada e vai ata o local social de Trasmonte. O seu itinerario coincide co Camiño de Fisterra – Muxía. O percorrido será de 5 quilómetros, de dificultade media, cunha subida de ata o 10% de desnivel e cunha duración aproximada de dúas horas. A actividade rematará no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos.

Para acudir á andaina ofrécese servizo de autobús, con saída ás 10.00h dende a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10.15h do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O regreso farase en autobús cando remate a degustación de petiscos.

Multimedia