Pestanas principais

Segunda convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, no ano 2026

Mércores, 16 setembro, 2026
O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, informa sobre a Resolución do 8 de setembro de 2026, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se realiza a segunda convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, no ano 2026.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en Madrid e terán lugar os días 14, 15, 21 e 22 de novembro, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida.

As sedes e horarios para a realización das probas publicaranse no Portal da Lingua xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.

As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL500C, e aboar a taxa correspondente (código 304401). No formulario de solicitude deberán indicar a proba ou as probas ás que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral da Lingua.

O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, será de quince días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia: do 17 de setembro ao 7 de outubro.