Pestanas principais

Recordatorio da importancia de minimizar o consumo de auga e facer un uso responsable da mesma

Xoves, 21 xullo, 2022
O Concello de Ames vén de publicar un bando municipal no que se fai un recordatorio da importancia de minimizar o consumo de auga e facer un uso responsable da mesma. Deste xeito, infórmase a toda a veciñanza de Ames, que ante a situación de risco que estamos a vivir en Galicia e a incerteza respecto da situación climatolóxica, cómpre lembrar a importancia de facer un uso responsable da auga, minimizando aqueles usos non imprescindibles.

É importante ter en conta que a Oficina Técnica da Seca da Xunta de Galicia acordou o 6 de xullo de 2022 o mantemento da declaración de situación de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa ao confirmarse a continuidade da anomalía hidrolóxica que se vén advertindo dende principios de ano.

En relación aos caudais circulantes rexistrados en xuño, seguen estando por debaixo dos valores habituais para esta época do ano, un 25% menos ao ter en conta os dos últimos dez anos. No que se refire aos encoros de abastecemento en Galicia-Costa, a súa ocupación actual é do 93,01%, un 5% inferior á do mesmo período para o ano 2021.

Por todo o anterior RECOMÉNDASE:
-Limitar o baldeo e limpeza das rúas.
-Limitar o enchido de piscinas.
-Reducir a frecuencia do lavado de vehículos ou realizalo en instalacións especificas que están tecnicamente preparadas para xerar un consumo reducido.
-Optimizar o uso do recurso hídrico nas regas e na gandería, especialmente nas cabeceiras dos ríos e pequenos regatos.
-Facer un consumo racional no fogar, evitando o malgasto innecesarios e improdutivo.

Co seguimento destas pautas, que esixen un esforzo mínimo e non minguan a nosa calidade de vida, entre todos logramos aforros considerables que repercutirán favorablemente na continuidade da subministración municipal de auga potable.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La elevada demanda de agua del Tambre agrava el impacto de la prolongada sequía"

Multimedia