- Tematica
A Aula AmTIC do Milladoiro trae novas formacións para setembro que se impartirán ao longo de todo o mes. En total, ofrecen tres novos cursos para adultos, nos que aínda quedan prazas libres. Pódese descargar a ficha de inscrición na seguinte ligazón.
Cursos para adultos
Durante este vindeiro mes de setembro desenvolveranse tres formacións dirixidas para adultos. A primeira delas terá lugar os días 10, 11 e 12, en horario de 10.00 a 12.00 horas e será un curso de Administración electrónica. Trátase dunha formación orientada á familiarización e uso dos servizos da administración pública a través da internet. O alumnado aprenderá a manexar algúns dos sistemas de identificación electrónica, coma o DNI electrónico ou os certificados dixitais; realizar trámites básicos en liña, coma citas previas ou pago de taxas; o acceso á carpeta cidadá, onde se poden consultar os nosos trámites e notificacións persoais; ou o manexo e uso de ferramentas e portais de uso frecuente, coma a Seguridade Social ou o SEPE.
Por outra banda, impartirase os días 17, 18, 19, 24, 25 e 26 de setembro, en horario de 10.00 a 12.00 horas, un curso de iniciación á informática. Nesta ocasión, traballaranse en contidos e habilidades básicas coas que comezar a manexar un ordenador, así como os diferentes programas e ferramentas que ofrece.
A derradeira formación que se desenvolverá no mes de setembro será sobre o uso do móbil, na que o alumnado aprenderá as funcións básicas deste dispositivo, comunicación dixital, seguridade dixital e todas as utilidades que pode ofrecernos no noso día a día. Este curso impartirase os días 10, 11 e 12 en horario de tarde de 17.15 a 18.45 horas.





