Pestanas principais

Quedan prazas libres para o curso de informática para a adaptación dixital organizado pola Aula AMTIC

Luns, 4 marzo, 2024
A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC), que está situada na Casa da Cultura do Milladoiro, organiza un curso básico de informática para a adaptación dixital. Será a partir do 11 de marzo, os luns e os mércores en horario de 10:00 a 12:00 horas. Aínda quedan prazas dispoñibles.

A Aula AMTIC programa novas actividades para o vindeiro mes de marzo. Deste xeito, vai acoller un novo curso de informática para facilitar a utilización das novas tecnoloxías, procurando que os asistentes superen as barreiras  dixitais e se sintan cómodos e seguros no seu uso. Este taller impartirase os luns e os mércores a partir do 11 de marzo, en horario de 10:00 a 12:00 horas. Ofrécense un total de 12 prazas, e o curso terá unha duración total de 20 horas.

Neste curso trataranse catro bloques principais: introdución á informática, no que se trataran algúns conceptos básicos e aprenderán a empregar os navegadores e o correo electrónico; uso do sistema operativo, cunha introdución a Linux, xestión de cartafoles ou configuración do escritorio, entre outros; procesador de textos, no que aprenderán a empregar Office; e uso do teléfono intelixente, onde se tratarán as súas nocións básicas  e como navegar na Internet a través do móbil.

As persoas que estean interesadas poden tramitar a súa inscrición desde hoxe, 27 de febreiro. As prazas asignaranse por orde de recepción das solicitudes ata completarse. Para anotarse é preciso enviar esta ficha de inscrición ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal.

As inscricións tamén se poden facer de xeito presencial, acudindo ás instalacións da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (AMTIC), na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta: os luns e martes de 10.00 a 13.00h e de 16.00 a 20.00 horas. Os mércores, xoves e venres o horario é de 10.00 a 13.00 horas.

Para consultar calquera dúbida pódese contactar coa AMTIC chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.gal.

Multimedia