Pestanas principais

Programación do Mes de Saúde en Ames

Martes, 19 abril, 2022
Con motivo do Día mundial da Saúde, que se celebra todos os anos o 7 de abril, a Concellaría de Promoción da Saúde preparou unha programación específica para celebrar o Mes da Saúde en Ames. Do 19 ao 22 de abril haberá diversas actividades no interior do Pazo da Peregrina ou nos xardíns do Pazo impartidas por diferentes asociacións e polo propio Concello. A programación pecharase o sábado, 23 de abril, coa II Feira da Saúde e Ben-Estar de Ames e coa primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, Coidados á mente. Tamén o sábado 23 na Casa da Cultura de Bertamiráns haberá un Xantar solidario.

Do 19 ao 22 de abril impartiranse 10 charlas a cargo das  asociacións AGADEA, AEPNAA, ACEGA, Asociación Española Contra o Cancro en Ames, Alcohólicos Anónimos, ALCER Coruña, Fonte da Virxe, AGAPA, ASANOG e QuerENDO. Todas as charlas serán no interior do Pazo da Peregrina. Non é preciso inscribirse previamente para asistir a estas actividades.

A primeira charla será impartida por Alfredo Saborido Pérez, coordinador e traballador social de ALCER Coruña, o martes, 19 de abril, ás 17.30 horas. Terá unha duración aproximada de hora e media e tratará sobre a solidariedade social e a doazón de órganos. A continuación, ese mesmo día, ás 19.00 horas, Nuria Colmenero Lama, do departamento de restauración e seguridade alimentaria de ACEGA impartirá outra charla sobre sobre a enfermidade celíaca e a dieta sen glute.

O mércores, 20 de abril, ás 16.30 horas, haberá unha nova charla. Nesta ocasión será impartida por Cristina Porta Gayoso, delegada de AEPNAA en Pontevedra, sobre A escola das Alerxias. O día seguinte, o xoves, 21 de abril, ás 11.30 horas, será a quenda de Fátima Miranda Mera, coordinadora do Centro de día Salgueiriños e traballadora social de AGADEA e Andrea Muíños Monteagudo, psicóloga de AGADEA. Falarán sobre os recursos e terapias non farmacolóxicas en persoas con demencia tipo alzhéimer. Tamén o xoves 21 de abril, ás 17.00 horas, haberá unha charla a cargo da Asociación Española Contra o Cancro en Ames. Lucía Álvarez-Santullano, psicóloga da Xunta local de Santiago de Compostela da AECC falará sobre  como se lle explica a un fillo/as que teño cancro.

O venres, 22 de abril, haberá cinco charlas. A primeira será ás 11.30 horas, a cargo de Verónica Ramilo, da asociación QuerENDO, sobre a endometriose A epidemia oculta. Pola tarde, ás 17.30 horas,  José Cougil Bugallo, presidente da asociación AGAPA, falará sobre a situación do amputado/a actual en Galicia. De seguido, ás 18.00 horas, Lois Pose Santos, educador social da asociación Fonte da Virxe, impartirá a charla Acompañamento comunitario e atención no rural a saúde mental, relato dunha experiencia. Ás 19.00 horas será a quenda de Maria Alejandra Gómez, psicóloga de ASANOG. A última charla está prevista para ás 20.00 horas a cargo da asociación de Alcohólicos Anónimos. O doutor Crespo, médico de familia, e maila doutora Mercedes, pediatra, falarán sobre como Alcólicos Anónimos traballa na súa comunidade.

Actividades de mantemento físico
Por outra banda, programáronse unha serie de actividades de mantemento físico que se desenvolverán na zona exterior do Pazo da Peregrina. A primeira será o martes, 19 de abril, ás 16.30 horas, nos xardíns do Pazo, onde se vai impartir durante unha hora ioga terapéutico adaptado. Para participar nesta actividade hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal.

O mércores, 20 de abril, realizaranse dúas actividades máis nos xardíns do Pazo. A primeira, que se desenvolverá de 16.30h a 18.30 horas, estará centrada en xogos infantís e ten por título Pesca o teu menú e un prato con moito tino. Este mesmo día, ás 17.30 horas, farase outra actividade de marcha nórdica consciente (pre-pilates e exercicios bioenerxéticos), que terá unha duración aproximada de hora e media. Para participar nesta actividade hai que levar unha esterilla e hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal.

O xoves, 21 de abril, dende as 17.30 horas, haberá unha nova andaina do programa SaúdeAndo que saíra dende o centro de saúde do Milladoiro. Por último, o venres 22 de abril, ás 16.30 horas, nos xardíns do Pazo da Peregrina, impartirase unha sesión de taichi-chikung a cargo da asociación ConArtritis. Terá unha duración aproximada dunha hora. Neste caso, as/os participantes terán tamén que levar unha esterilla e hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal.

A técnica municipal do departamento de Promoción da Saúde, Rosana Martínez, explicou “este ano contamos ao final con 14 asociacións, que van acompañarnos cos seus stands, e ás que lles ofertamos a posibilidade de ter os seus propios espazos. Todas elas contarán cun oco para realizar unha charla ou calquera outra actividade no Pazo da Peregrina. Deste xeito, contaremos con 10 charlas de diferentes asociacións e actividades en exteriores diarias, do 19 ao 22 de abril. Todas serán nos exteriores do Pazo, con propostas para adultos e público infantil. Valoramos moi positivamente a feira do ano pasado, e neste 2022 dámoslle un pulo extra para que dure uns días máis. Dende este departamento seguimos coma sempre, apostando pola saúde paso a paso”.

II Feira da Saúde e Ben-Estar
A programación do Mes da Saúde de Ames pecharase o sábado, 23 de abril, coa celebración simultánea da segunda edición da Feira da Saúde e Ben-Estar e da primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, Coidados á mente. Un total de 14 asociacións (ALCER, ANEDIA, ACEGA, AGADEA, ACEM, AECC, ASANOG, Fonte da Virxe, Alcohólicos Anónimos, QuerENDO, AMICO, AGAPA, CON-ARTITRIS E AEPNAA) montarán os seus stands na zona exterior da Casa da Cultura de Bertamiráns co obxectivo de proporcionar información a todas aquelas persoas que se acheguen por alí.

Xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, Coidados á mente
Ao mesmo tempo desenvolverase a primeira xornada dedicada á saúde mental e ao benestar das crianzas e da mocidade. A xornada Coidados á mente acollerá tres conferencias, unha mesa redonda e dous talleres simultáneos, que tratarán temáticas diversas como as relacións interpersoais, o xogo e o xogar ou as adiccións. As tres charlas desenvolveranse pola mañá e estarán enfocadas á saúde infantil. Pola tarde, impartiranse os talleres e a mesa redonda que terán como protagonistas o benestar dos adolescentes.

As actividades desta xornada poderanse seguir de xeito presencial na Casa da Cultura de Bertamiráns ou ben a través de streaming. A xornada está dirixida a profesionais de todos os sectores que traballan coa xente moza, ou ben a familias interesadas no benestar psicolóxico. Para inscribirse, de balde, cómpre enviar un correo ao enderezo electrónico amesjornadasaludmental@gmail.com, indicando datos persoais e se se asistirá presencialmente ou a distancia. Preme aquí para consultar a programación ao completo da xornada.

Xantar solidario
Por outra banda, o sábado 23 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns, haberá un Xantar solidario. Para participar nesta iniciativa solidaria haberá que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo amesjornadasaludmental@gmail.com. Haberá 100 prazas para participar no Xantar solidario, que terá un prezo de 15 euros. Terán prioridade para inscribirse os participantes na xornada de saúde mental e os integrantes das asociacións que participan na Feira. O importe recadado será doado á Xunta Local de Ames da Asociación Española Contra o Cancro e á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia. Nesta iniciativa colaboran o CIFP Compostela, o restaurante A Ostrería, e mailas cafeterías das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Servirase un xantar de pé para que as persoas que participen na Xornada de saúde mental e na Feira da Saúde e Ben-Estar poidan falar e intercambiar experiencias. O menú estará composto por maki de lacón con grelos; empanada galega; chupito de crema de cabaza o curry con pipas; tosta de espelta con aguacate e salmón; espeto de porco e piña á soia; polo con tomatiños e albahaca; polvo á mugardesa; escalibada con ventresca; e surtido de queixos galegos. Será un menú saudable no que se van empregar produtos locais e de proximidade. Unha parte do menú vai ser previamente elaborado na cociña da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro e outra parte do menú será elaborado o propio día do xantar na cociña da cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns.