Pestanas principais

Programación da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro para maio e xuño

Mércores, 11 maio, 2022
A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, a AMTIC, dependente da Concellería de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, ofrece unha ampla programación de actividades para os meses de maio e xuño, tanto en liña como na propia aula. O horario de Aula Aberta da AMTIC, situada na Casa da Cultura do Milladoiro, é de luns a venres, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

A AMTIC do Milladoiro conta nos meses de maio e xuño con tres propostas en modalidade presencial e outras catro en liña, sumando un total de sete actividades para todos os públicos e con temáticas diversas. A programación comezou o pasado xoves, 5 de maio, cunha conversa sobre ciberseguridade que foi impartida de xeito presencial.

As dúas actividades presenciais restantes consistirán en dous obradoiros de mecanografía para o público infantil e o adulto. Do 12 de maio ao 16 de xuño será a quenda das crianzas, que poderán participar nun curso que se desenvolverá os xoves, de 17:00 a 19:00 horas. Pola súa banda, o público adulto gozará desta proposta do 2 ao 30 de xuño, os xoves de 10:30 a 12:00 horas. Ambos talleres están limitados ás 12 prazas.

No que respecta ás propostas a distancia, a AMTIC ofrecerá do 16 de maio ao 1 de xuño un obradoiro de Gimp, o software de edición de arquivos de imaxe, que se desenvolverá os luns e os mércores, en horario de 17:00 a 19:00 horas.

Xa en xuño, será primeiro a quenda dun taller de Inkscape, unha ferramenta de edición de gráficos vectoriais, que terá lugar do 6 ao 16 de xuño, os luns e os xoves de 17:00 a 18:00 horas. Para rematar a oferta de actividades, do 20 ao 30 de xuño explicarase como empregar diferentes recursos para realizar buscas avanzadas en Internet. O horario será o mesmo que o da outra proposta de xuño, os luns e os xoves de 17:00 a 18:00 horas. Preme aquí para consultar a programación formativa da AMTIC ao completo.

Inscricións nos obradoiros

Para inscribirse nos obradoiros da aula cómpre enviar esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, ou ben asistir á Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación, situada na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta, de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Para máis información, pódese chamar ao 981 535 940, ou escribir ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal.

Multimedia