Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado de Ames pon en marcha un novo curso de español para estranxeiros

Martes, 1 outubro, 2019
A Concellaría de Benestar Social, a través da súa Oficina de Voluntariado (OVA), pon en marcha unha nova edición do curso de español para estranxeiros. A actividade comeza este martes, 1 de outubro, e será impartida un ano máis por Matilde Fernández. A inscrición no curso, dirixido sobre todo a persoas residentes no concello cuxa lingua materna non sexa o castelán ou o galego, pode realizarse na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura do Milladoiro ou de Bertamiráns ou a través do número de teléfono 662 377 044.

Este martes, 1 de outubro, arranca unha nova edición do curso de español para estranxeiros, que, por oitavo ano consecutivo, será impartido pola voluntaria Matilde Fernández. Asemade, a actividade terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns todos os martes e xoves, en horario de 12.00 a 13.30 horas, entre os meses de outubro de 2019 a finais de xuño do 2020.

O obxectivo desta iniciativa, que nas anteriores edicións gozou de gran demanda, é a de ofrecer un apoio lingüístico a todas aquelas persoas que residen no concello pero non teñen o castelán ou o galego como linguas maternas. Por este motivo, o temario tentará axustarse ao nivel de castelán dos alumnos e alumnas.

Por outro lado, o curso conta con 15 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición. Para inscribirse ou recibir máis información, pode acudir á Oficina Municipal de Voluntariado (OVA), situada nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, ou chamar ao número de teléfono 662 377 044.

Multimedia