As persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames, que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira, poden acceder durante o que queda de ano ao programa Vives Emprende, unha iniciativa gratuíta que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio.
Así, ao abeiro desta iniciativa, a comezos deste mes realizáronse dous talleres, nos que se pretendeu ofrecerlle unha serie de ferramentas aos participantes que lles permita coñecer todo o necesario para emprender un negocio na rede de forma segura. Neste senso, as sesións realizadas xiraron en torno ás novidades laborais e axudas para emprender, e a análise da idea de negocio a través do xogo Lego no que os participantes coñeceron como deseñar a súa proposta de valor.
Pola súa banda, esta semana impartiranse dous novos obradoiros para seguir afondando na idea de negocio online. O primeiro deles terá lugar o mércores 10 e consistirá nun obradoiro sobre os estudos de mercado e clientela, a través dos que os participantes aprenderán a realizar a análise de posible competencia e unha segmentación de clientes co obxectivo de achegarse da mellor maneira posible ao público ao que se dirixe o seu proxecto. Ao día seguinte, a sesión xirará sobre o plan de marketing e as alternativas de comercialización, así como do pricing ou estratexia para a fixación de prezo.
O programa continuará o 24 de abril cun taller sobre as competencias emprendedoras necesarias para poñer en marcha un negocio, que os participantes deberán poñer en práctica a través do xogo ACTIO. A última semana dos obradoiros deste primeiro semestre do ano estará destinada á rede e a como vender unha idea. Así, o mércores 29 a sesión abordará as redes sociais e o comercio electrónico co obxectivo de darse a coñecer e comprender como se vende a través de Internet.
Estes obradoiros rematarán o xoves 30 cun taller que terá como obxecto a comunicación da empresa, polo que se ofrecerán pautas para realizar unha presentación eficaz enfocada a vender unha idea. Para elo, seguirase o recurso do Elevator Pitch, que consiste en transmitir a idea do proxecto no que se está traballando no tempo que dura un viaxe de ascensor. Durante esta presentación no se busca vender unha idea, senón despertar un profundo interese no receptor para conseguir acceder a unha futura reunión na que se poida profundar de forma minuciosa en dito proxecto.
Estes talleres teórico/prácticos son impartidos nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais. As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.
Ligazons:
Compostela 24 horas: "Dous novos obradoiros dentro do programa "Vives Emprende""