Pestanas principais

O prazo de presentación de traballos ao XVII Certame Literario do Concello de Ames queda suspendido ata novo aviso

Martes, 17 marzo, 2020
O prazo de presentación de traballos ao XVII Certame Literario do Concello de Ames queda suspendido ata novo aviso. O requisito de anonimato na presentación de traballos fai que sexa imposible outra forma de envío dos traballos. Desta maneira, o cómputo do prazo renovarase no momento no que perda a vixencia a declaración do estado de alarma ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames informa de que queda suspendido, ata novo aviso, o prazo de presentación de traballos para o XVII Certame Literario de Ames. Debido ás circunstancias excepcionais que estamos vivindo, o departamento considera que para garantir a seguridade de todos aqueles interesados en participar, é mellor suspender o prazo de presentación de textos e volver a abrilo cando as circunstancias sexan óptimas para facelo.

Así, ampliarase o prazo de presentación tantos días como dure estado de alarma e o confinamento nos fogares que este implica. En canto sexa posible, informarase dende esta web municipal e as redes sociais do concello dos novos prazos.

Aproveitar a corentena para escribir novas historias e poemas
O concello anima á toda a veciñanza amesá a aproveitar estes días de confinamento nos seus fogares para escribir os seus propios textos en galego. O Certame Literario ten como obxectivo central promover a creatividade en lingua galega e está dirixido a todos os/as amantes das letras, sexa cal sexa a súa procedencia.

Ao longo das súas edicións, o certame foise convertendo nun referente para os/as novos creadores e creadoras de historias. Polo que supón unha moi boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexan poñer en práctica a súa capacidade creativa, e mais aínda, nestes días nos que estamos vivindo circunstancias totalmente excepcionais.

Ademais, a través desta iniciativa preténdese impulsar a creación literaria na nosa lingua e difundir a cultura propia, como un xeito de contribuír tamén á normalización lingüística e cultural.

Repartiranse 3.800 euros en premios
Este ano cómpre destacar que se incrementaron os premios en 840 euros. Subiron 50 euros todos os premios, agás os premios da terceira categoría que subiron 40 euros. Desta maneira, na primeira categoría os premios serán de 200 euros, 170 euros e 140 euros (rapaces e rapazas ata 13 anos); 230 euros, 200 euros e 170 euros na segunda categoría (de 14 a 17 anos); e 300 euros, 260 euros e 230 euros na terceira categoría (18 anos ou máis).

Ao pé desta nova podes consultar as bases do certame para ir preparando os teus textos para cando se volva abrir o prazo de envío de traballos, e tamén podes consultar esta nova onde tamén se proporciona máis información sobre o certame. E tamén recorda que a data de decisión do xurado e a de entrega de premios tamén se ven afectadas por este aprazamento.

Multimedia