Pestanas principais

O Concello de Ames habilita un servizo gratuíto de autobús para achegarse ata a praia fluvial de Tapia

Mércores, 16 xullo, 2025
Todos os anos durante a época estival a área recreativa de Tapia convértese nun punto de referencia non só para a veciñanza de Ames, senón tamén para todos os veciños e veciñas da comarca de Santiago de Compostela, que buscan un lugar onde poder refrescarse e relaxarse durante os seus momentos de lecer. Deste xeito a área recreativa de Tapia preséntase como unha alternativa ao mar e aos grandes areais da costa galega onde todos os bañistas poden tomar un baño e deitarse ao sol. Para que os veciños e veciñas de Ames poidan achegarse ata a praia fluvial o Concello de Ames habilita do 14 e xullo ao 13 de agosto un servizo gratuíto de autobús, que sairá ás 15.30 horas desde O Milladoiro e realizará parada en Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns. O regreso será ás 20.00 horas coas mesmas paradas que no percorrido de ida. Dito servizo funcionará os luns, mércores e venres.

Durante o verán aparte de area, sol e mar existen moitas outras opcións para gozar e divertirse. Unha desas alternativas é a área recreativa e fluvial de Tapia. A auga ten un papel fundamental no concello de Ames, asentado en boa parte no val do río Sar, atravesado por unha multitude de regatos e bordeado ao norte polo río Tambre. Por todo isto, Ames é un lugar de excepción para coñecer a flora e a fauna propia da ribeira dos ríos.

Servizo gratuíto de autobús
Este ano, como novidade, o Concello vai habilitar un servizo gratuíto de autobús os luns, mércores e venres, para que os veciños e veciñas de Ames que o desexen poidan achegarse ata a praia fluvial. Dito servizo funcionará do 14 e xullo ao 13 de agosto, con posibilidade de ampliar dito período. O autobús sairá ás 15.30 horas desde O Milladoiro e realizará parada en Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns. O regreso será ás 20.00 horas coas mesmas paradas que no percorrido de ida.

Localización das paradas:
-O Milladoiro - Parada do novo centro de saúde.
-Bugallido - Ao carón da farmacia.
-Ortoño/Agro do Muíño - Parada das Cortes.
-Bertamiráns – Rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello.

Con este servizo o Concello trata de facilitar os desprazamentos ata a praia fluvial de Tapia durante o período estival. Trátase dun novo servizo para que a veciñanza, ademais de poder gozar das piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, poida acudir á área recreativa de Tapia que dispón dunha extensión total de 15.000 metros cadrados.

Multimedia