Mércores, 25 marzo, 2026
No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 28 de marzo, organízase unha nova xornada do Club tixolas, un club de cociña dirixido a nenos/as de 6 a 12 anos que se desenvolve o derradeiro sábado de cada mes. Con esta iniciativa, búscase que os máis pequenos teñan un primeiro contacto co mundo culinario e que aprendan a realizar receitas con produtos frescos de proximidade e de temporada.
A actividade é de balde e realizarase de 11.30 a 13.00 horas no mercado de horta e artesanía, localizado na praza da Maía, en Bertamiráns. Para participar, hai que enviar unha mensaxe por WhatsApp ao número de teléfono 667 665 705 indicando nome, apelidos e idade do neno/a. Hai 30 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición. Nesta xornada, os nenos e nenas van elaborar froita en almíbar.





