Pestanas principais

Modifícase o horario da unidade móbil de expedición do DNI e pasaporte do vindeiro 18 de marzo no Milladoiro, que pasará a ser de 16.00 a 19.30 horas

Mércores, 11 marzo, 2026
O Concello de Ames informa de que o novo horario da unidade móbil de expedición do DNI e pasaporte prevista para este mércores, 18 de marzo, no Milladoiro, pasará a ser de 16.00 a 19.30 horas. Pódese solicitar cita para a visita de dita unidade durante os meses de marzo, abril, maio e xuño.

O novo horario vén provocado polo incendio na comisará da Policía Nacional de Santiago de Compostela, que obriga a ter a unidade móbil operativa en horario de mañá na capital galega. Deste xeito, a unidade móbil de expedición do DNI e pasaporte programada no Milladoiro o vindeiro 18 de marzo, non atenderá de 09.00 a 12.30 horas como estaba previsto, senón que o fará de 16.00 a 19.30 horas. 

As persoas anotadas xa foron notificadas de dito cambio. De non ser así, poderán escribir ao enderezo gabinete@concellodeames.gal ou chamar ao número 881 074 730 para resolver calquera dúbida.

Datas de atención ao longo de 2026
Ao longo de 2026 a unidade móbil de expedición do DNI e pasaporte estará en 8 ocasións máis no Milladoiro e Bertamiráns. No Milladoiro estará o 18 de marzo, o 13 de maio, o 16 de setembro e o 11 de novembro, mentres que en Bertamiráns fará o propio os días 16 de abril, 16 de xuño, 13 de outubro e 3 de decembro. En ambas localidades haberá un descanso nos meses de xullo e agosto nos que non se prestará este servizo. 

Na actualidade, pódese solicitar cita para a visita de dita unidade durante os meses de marzo, abril, maio e xuño. As persoas interesadas en asistir, deben escribir ao enderezo electrónico: gabinete@concellodeames.gal, ou chamar ao número 881 074 730, indicando nome, apelidos e un teléfono de contacto. 

Axilización do proceso e máis servizos incorporados
Estas novas unidades de documentación traballan desde unha furgoneta equipada con dous postos de expedición, onde poden atender diariamente a 44 persoas e, ademais de realizar a renovación ou expedición do DNI como viña sendo habitual, a cidadanía pode facer o mesmo trámite co pasaporte e modificar ou actualizar as súas claves electrónicas, xa que tamén contan cun Punto de Actualización de Documentación (*PAC).

Ademais de aumentar o número de trámites que se poden realizar a través destas unidades móbiles, os tempos de xestión tamén se reducen considerablemente. Deste xeito, as persoas que pidan cita neste servizo poden ter listo calquera dos dous documentos en escasos dez minutos, mentres que coas anteriores unidades precisábanse tres días para a xestión completa (un día para realizar a pegada dactilar, outro para impresión nunha comisaría e un terceiro día para a posterior entrega).

É importante levar cartos en efectivo para o pago dos trámites, dado que os vehículos carecen de cobro por TPV. No caso de ser membros de familia numerosa débese achegar o documento pertinente que o acredite.