Avisos
Venres, 8 maio, 2020
Dende o Concello de Ames infórmase que dende este venres, 8 de maio de 2020, elimínanse as franxas horarias para as saídas de poboación en xeral (paseos e deporte non profesional) nas parroquias de menos de 5.000 veciños/as, polo que no termo municipal de Ames soamente se manteñen as restricións para saír á rúa, por franxas horarias, nas parroquias de Ortoño e Biduído. Dende o Concello de Ames apélase á responsabilidade dos veciños e veciñas no cumprimento das normas polo ben común e evitar así un posible retroceso no control da pandemia.
Mércores, 6 maio, 2020
O Concello de Ames informa de que o prazo para a presentación de proxectos ao concurso de ideas para a creación do Centro da mocidade, incluído no Plan Impulsa Ames cofinanciado con fondos europeos do FEDER, está suspendido debido á aplicación do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma en todo o territorio do estado español. Debido a iso non se poden presentar proxectos xa que de facelo serán desestimados.
Luns, 4 maio, 2020
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, informa de que este luns, 4 de maio de 2020, saíron publicadas no Boletín Oficial do Estado dúas resolucións en materia de emprego. Deste xeito, empregados/as do fogar e traballadores/as temporais poderán solicitar dende o día 5 de maio o subsidio especial derivado da pandemia da COVID-19. Ao pé deste aviso podes descargar as dúas resolucións completas.
Xoves, 30 abril, 2020
O Concello de Ames vén de ampliar novamente, mediante decreto da alcaldía, o período voluntario de ingreso das liquidacións tributarias e de ingresos de dereito público practicadas pola administración local, con vencemento o 20 de marzo, o 5 de abril, ou o 20 de abril, ata o 30 de maio de 2020, acolléndose ao Real Decreto Lei 15/2020. Asemade, amplíase tamén ata a mesma data o período voluntario de ingreso de diferentes taxas e prezos públicos municipais. Este é a segunda ampliación que se recolle dos períodos voluntarios dos recibos non domiciliados en circulación, ampliando novamente un mes máis, do 30 de abril ao 30 de maio. Ao pé desta nova podes consultar o novo Decreto de modificación de medidas extraordinarias en materia tributaria e nos ingresos de dereito público como consecuencia do estado de alarma motivado polo Covid-19.
Venres, 24 abril, 2020
O Concello de Ames incrementa o servizo ofrecido á veciñanza para consultas relacionadas coas axudas postas a disposición das afectadas e afectados no eido laboral pola situación de emerxencia sanitaria do coronavirus. Deste xeito, as veciñas e veciños de Ames, poderán chamar ao número 669 02 47 33, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas, para formular as súas dúbidas que serán atendidas polo Servizo de Emprego amesá.
Venres, 24 abril, 2020
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, facilita a relación de establecementos que permanecen abertos durante o estado de alarma. Ao pé deste aviso podes consultar tanto os establecementos de alimentación (supermercados, panaderías, froitarías, carnicerías/charcuterías, peixerías/conxelados e comida para levar) como os que ofrecen outro tipo de servizos (farmacias, parafarmacias, clínicas veterinarias, ferreterías, estancos, droguerías, alimentación animal, lavandarías, tinturerías, papelarías, servizos informáticos, estacións de servizo, taxis, talleres, electrodomésticos, construción e desinfección).
Mércores, 22 abril, 2020
Por mor das obras de accesibilidade e mellora das instalacións que se están a desenvolver nas Oficinas Xerais do Milladoiro, o Concello de Ames informa de que tanto Servizos Sociais como Rexistro pasan, temporalmente, á Casa da Cultura desta localidade. A atención nestes servizos esenciais será unicamente telefónica e telemática. A atención presencial estará motivada unicamente en razóns de urxencia precisará de cita previa.
Luns, 20 abril, 2020
O Concello de Ames lembra a reapertura de actividades permitida durante o estado de alarma decretado pola crise do Covid-19, logo da Semana Santa. Ao pé deste aviso podes atopar as actividades permitidas durante este período, así como as restriccións previstas para esta etapa de confinamento.
Mércores, 15 abril, 2020
O Concello de Ames informa que debido ao recollido no punto 4 do Decreto 704/2020 das medidas adaptadas como consecuencia do COVID-19, con data de 13 de marzo, e ata novo aviso, quedan suspendidos temporalmente os servizos da Escola Municipal de Música de Ames.
Mércores, 15 abril, 2020
O Concello de Ames informa do peche de todas as fontes públicas do concello e, como consecuencia, a prohibición do seu uso, durante a vixencia do estado de alarma. É unha medida que se toma por recomendación sanitaria, polo que se agradece a comprensión e colaboración da veciñanza amesá.
- ‹ anterior
- 119 de 136
- seguinte ›