Pestanas principais

Listaxes provisionais de admitidas/os no programa municipal de Campamentos de verán 2025

Mércores, 30 abril, 2025
O Concello de Ames informa sobre a publicación das listaxes provisionais de admitidas/os no programa municipal de Campamentos de verán 2025. As devanditas listas están publicadas na web municipal e nos taboleiros oficiais do concello. Haberá que comprobar o código asignado a cada usuario/a para saber se está admitido/a no campamento que fixo a inscrición. Poderanse facer as alegacións que se consideren oportunas. Posteriormente, o 6 de maio publicaranse as listas de admitidas/os definitivas. A información completa sobre o proceso de matrícula pódese consultar nas bases do programa.

A efectos de información e posibles reclamacións publícase a lista provisional de admitidos/as no programa municipal e Campamentos de verán 2025, sobre a que se poderán facer as alegacións oportunas. A publicación da lista definitiva será o 6 de maio. Nese momento indicaranse os campamentos nos que será preciso realizar sorteo, que terá lugar o día 14 de maio no salón de plenos da Casa do Concello. Mediante o mesmo cubriranse as prazas nas distintas actividades, e tamén dará lugar a unha lista de agarda para cada un dos campamentos sorteados. O resultado e a lista de agarda publicarase o 19 de maio.

Matrícula
O prazo de matrícula estará aberto dende o 22 ata o 31 de maio. Para realizarse, haberá que presentar o impreso correspondente de matrícula debidamente cuberto, unha copia da tarxeta sanitaria e certificado médico (só no caso de padecer unha enfermidade que deberá ser reflectida) e ficha de coñecemento persoal (só no caso de usuarios/as con discapacidade igual ou superior o 33%).

A documentación presentarase preferiblemente a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou de xeito presencial no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR).

Pagamento
O pagamento das taxas poderá fraccionarse en dous pagos (50% do custe de cada un). O primeiro pagamento deberá ser realizado entre o 22 e o 31 de maio, e o segundo entre o 10 e o 19 de xuño.

Os impresos para facer efectivo o pagamento enviaránselle ao correo electrónico facilitado polos/as usuarios/as na súa solicitude de praza. Excepcionalmente poderá solicitarse o impreso de pagamento de xeito presencial nas Oficinas de Recadación do Milladoiro e de Bertamiráns ou a través do correo electrónico ames@canaltributos.com.

No caso de dispor de Certificado Dixital ou DNI electrónico poderase descargar ou pagar a autoliquidación premendo nesta ligazón, ou ben a través da banca electrónica de ABANCA. No caso de non aboar o importe do campamento nos prazos establecidos, considerarase baixa inmediata no servizo sen posibilidade de recuperar os importes aboados, agás causa xustificada.

Máis información
Para máis información sobre os campamentos de Infantil, Primaria e urbano pódese contactar coa Aula da Natureza, chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal. Por outra banda, para saber máis sobre os campamentos de ESO e Bacharelato pódese contactar coa Concellaría de Xuventude, chamando ao teléfono 616 083 229 ou escribindo a xuventude@concellodeames.gal. O horario de atención de ambos departamentos será de 9:00 a 14:00 horas.

Multimedia