Pestanas principais

Listaxe de inscritos/as na actividade Finde en Leitariegos

Xoves, 27 xaneiro, 2022
Os/as participantes na actividade Finde en Leitariegos recibirán no seu correo electrónico dous avisos: un da Concellería de Mocidade coa confirmación da praza e outra información de interese; e outro da oficina de recadación coa folla de autoliquidación para facer efectivo o pagamento, que se pode facer dende o 27 de xaneiro ata o 4 de febreiro (inclusive). No caso de producirse algunha baixa na listaxe, procederase a chamar por teléfono aos participantes que quedaron na lista de agarda. Podes consultar a listaxe de inscritos/as ao pé deste aviso.

A viaxe terá lugar entre o venres 18 e o domingo 20 de febreiro. A fin de semana na estación de esquí, parcialmente financiada pola Concellaría de Mocidade, inclúe desprazamento de ida e volta en autobús, aloxamento e pensión completa, que comezará coa cea do venres 18 e rematará coa comida do domingo 20. A hospedaxe está situada en Villablino, o núcleo máis importante da comarca do Val de Laciana, nunha zona tranquila preto do centro do vila, e a uns dezaseis quilómetros das pistas de esquí. Preme nesta ligazón para acceder á listaxe de inscritos/as.

No que respecta á práctica de deporte na neve, a taxa da excursión permite o acceso a curso de esquí de catro horas, ao que se engade o alugueiro de material e o forfait durante dous días, con seguro e monitores acompañantes as 24 horas. No caso dos participantes menores de idade, non é necesario que leven cartos, agás que sexa desexo dos seus responsables legais para pequenos gastos. De levalos, a organización non se responsabilizará deles.

Ademais, e como consecuencia da situación epidemiolóxica actual, cómpre destacar que será imprescindible para participar na actividade acreditar as medidas de seguridade sanitarias vixentes nas datas previas á excursión.

Multimedia