A través deste programa, as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego, que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira poden acceder este ano a unha nova edición de Vives Emprende, un programa gratuíto que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio. Vives Emprende dota ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio e acompáñaos durante todo o proceso emprendedor.
Así, por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ames e Acción contra a Fame poñen en marcha unha nova edición de dito programa que constará dun total de 7 obradoiros grupais impartidos ao longo do mes de abril e unha ampla programación de titorías individualizadas. Estas titorías teñen como finalidade ofrecerlle aos participantes unha diagnose individualizada e acompañalos no desenvolvemento do proxecto empresarial. Estas sesións comezaron o pasado 1 de xaneiro e estarán a disposicións dos participantes ata o 31 de decembro.
O primeiro dos talleres grupais terá lugar este mércores, 3 de abril, en horario de 10.00 a 12.30 horas, e xirará en torno as novidades laborais e ás axudas para emprender. Ao día seguinte, o xoves 4 de abril, en horario de 9:30 a 13:30 horas, realizarase un taller sobre a análise da idea de negocio a través do xogo Lego, e os participantes coñeceran como deseñar a súa proposta de valor. Os talleres impártense na aula 6 do edificio de usos múltiples da urbanización de Aldea Nova.
A encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais será, ao igual que en anteriores edicións, a técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar. As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465. Tamén poden entrar na web http://vivesemprende.org/galego/ onde se pode realizar a inscrición ou atopar máis información sobre o programa.