Pestanas principais

Está aberto o prazo para solicitar axudas para a promoción de festas populares e para actividades culturais

Xoves, 25 maio, 2023
Dende o pasado sábado 13 de maio, as asociacións culturais e veciñais e as comisións de festas de Ames poden solicitar axudas para a promoción de actividades e festas populares, cuxa contía suma neste 2023 uns 55.000 euros (30.000 están destinados ás actividades culturais e outros 25.000 aos festexos). O prazo para presentar as solicitudes rematará o luns 12 de xuño, 30 días naturais a contar dende o día seguinte da publicación das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentaranse na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben a través do Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na Sede electrónicaPremendo nestas ligazóns pódese obter máis información sobre a convocatoria para as festas populares, ou ben para as actividades culturais

Poden optar ás subvencións de actividades culturais as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames, que realicen actividades de índole cultural. Estas asociacións deben estar legalmente constituídas e deben figurar inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición debidamente actualizados.

Cumpridas estas condicións, poderán obter ata un máximo do 80% do orzamento total das actividades culturais desenvolvidas, así como da adquisición de material inventariable. O importe individual das achegas concedidas non poden superar os 7.500 euros. Os obxectivos desta liña de axudas son achegar a cultura ao maior número de persoas e promover una vida cultural estable no concello de Ames, non só con actividades programadas pola propia administración, senón que tamén pola veciñanza e por entidades do ámbito privado.

Por outra parte, para á axuda de promoción de festas populares poderán optar aquelas asociacións culturais ou veciñais amesás que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados. Tamén poden acceder ás axudas as comisións de festas.

Os obxectivos primordiais desta liña de axudas son favorecer a existencia dunha programación festiva estable dentro do ámbito territorial do Concello de Ames, na que a veciñanza participe de forma activa, preservar as tradicións existentes e difundir a imaxe de Ames a través da súa oferta festiva, de xeito que esta sirva de dinamización para as parroquias.

O importe individual das axudas dependerá dos habitantes censados en cada lugar ou parroquia en que se celebren os festexos, de acordo ao baremo que figura nas bases. Deste xeito, a achega máxima poderá ser de 1.000, 2.000 ou 6.500 euros, dependendo de se a parroquia ten menos de 500, entre 500 e 3.000, ou máis de 3.000 habitantes. As actividades poderán ser subvencionadas ata un máximo do 50% do orzamento total.