Pestanas principais

Está aberto o prazo de inscrición para o programa de conciliación municipal Xuño Lúdico

Mércores, 24 abril, 2019
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, abre o prazo de inscrición do programa de conciliación familiar Xuño Lúdico. As inscricións poderán tramitarse ata o 6 de maio. O servizo desenvolverase, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 25, 26, 27 e 28 de xuño, en horario de 7:30h a 16:00 horas. Este programa ofrece un amplo abano de actividades educativas e culturais pensadas para os cativos/as de aquelas familias que precisen conciliar a súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o regulamento, o impreso de inscrición e as tarifas do Xuño Lúdico.

O Concello de Ames pon en marcha, un ano máis, o programa Xuño Lúdico, co obxectivo de facilitar a conciliación ás familias empadroadas no concello. A través deste servizo, dirixido a crianzas de entre 3 e 12 anos, ofértanse unha serie de actividades lúdicas e culturais, orientadas non só a entreter ás máis cativas e cativos durante os primeiros días de vacacións, senón tamén a potenciar a súa formación educativa e emocional e a promover a súa autonomía persoal.

Este programa de conciliación únese así aos xa ofertados de xeito regular ao longo do ano, como son o Nadal Lúdico, o Entroido Lúdico, a Primavera Lúdica ou Setembro Lúdico, que se suman a outras iniciativas de conciliación como a Escola de Verán.

Para inscribirse neste servizo, as familias deberán acreditar a súa necesidade de conciliación e estar ao día no pagamento dos servizos municipais ofertados. A entrega da documentación farase no rexistro municipal na Casa do Concello, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ou nas oficinas municipais do Milladoiro, entre as 09:00h e as 14:00 horas. As inscricións tamén se poden entregar a través da sede electrónica: https://sede.concellodeames.gal/es. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 6 de maio.

O Xuño Lúdico terá lugar ao longo dos días 25, 26, 27 e 28 de xuño, entre as 07:30h e as 16:00 horas, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Esta edición tamén está previsto que esta actividade se realice no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro. Sen embargo, o lugar no que se desenvolverá no núcleo de Bertamiráns será confirmado nas vindeiras semanas por mor das obras previstas no comedor do centro. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Multimedia