- Tematica
O proxecto Apego segue a organizar diferentes propostas lúdicas para as crianzas nestes primeiros meses do ano. Desta volta, vaise organizar a actividade “Peter Punk e o neno imperdible”, de Peter Punk e Brais das Hortas. O espectáculo é de balde e está dirixido a público familiar. Será o venres 20 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
Trátase dun trepidante espectáculo cheo de música en directo, humor, teatro circo, clown... para gozar en familia. Esta é unha obra que destaca polo seu coidado guión, a elaboración e enxeño das rutinas e conta cun grande traballo de dirección, así como unha orixinal escenografía. Diversión, música ao vivo, momentos de tensión e perigo. A importancia da dimensión humana e solidaria do clown de calidade... un espectáculo que a través do humor non esquece a solidariedade cos nenos e nenas, especialmente os que viven en situacións de conflito.





