- Tematica
O programa Trouleando retoma a súa actividade destinada á mocidade amesá neste mes de xuño cunha apaixonante visita ao Aquapark de Cerceda, un parque acuático cunha ampla e variada gama de atraccións. Deste xeito, as persoas participantes poderán gozar de aquatubos, piscina de ondas, roaller coaster, tobogán de donuts, kamikaze...
A actividade terá lugar o vindeiro domingo 14 de xuño. Sairase en bus dende o Pazo da Peregrina ás 11.00 horas e da Casa da Cultura do Milladoiro ás 11.15 horas, acompañados de monitorado. O regreso aproximado está previsto para as 20.15 horas no Milladoiro e 20.30 horas en Bertamiráns. Os participantes menores deben ser recollidos na parada polos pais, nais, titores ou representantes legais.
É obrigatorio levar unha mochila con toalla, roupa de baño, chancletas, gorra, crema solar 50 e unha muda. Tamén se deberá levar a comida e a merenda da casa, ou ben adquirila nos establecementos de hostalaría do propio parque. Saber nadar é un requisito indispensable para poder participar na excursión.





