Pestanas principais

Esgotadas as entradas para asistir ao espectáculo Punkdemia do programa Apego

Venres, 21 maio, 2021
Dende o departamento de Normalización Lingüística informan que están esgotadas as entradas para asistir ao espectáculo “Punkdemia”, do clown galego Peter Punk. A actividade chega da man do programa Apego e está dirixida a familias con crianzas. Esta actividade desenvolverase o venres, 28 de maio, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Peter Punk é un dos pallasos máis programados e destacados en Galicia. Conta con máis de 1000 funcións ás súas costas en diversos países, programacións e espazos. Os seus espectáculos gozan dunha grande acollida por parte do público cativo e adulto.

Desta volta, convértese no Doutor Punkdemia e presenta un espectáculo viral no que, a través de 4 fases, amosará a súa particular visión da pandemia. Neste espectáculo adaptado á nova normalidade, saberemos como se viste un pallaso para protexerse da pandemia, veremos malabares con coronavirus e asistiremos a unha técnica innovadora para botar o virus do noso corpo empregando globos de xeito sorprendente.

Contará coa axuda de Tranquilo, un vello amigo de Peter Punk sempre disposto a colaborar e, para rematar, dará a volta á “curva” para descubrir a Vacina da Risa. Tamén subirá na Corentrona, unha cadeira de rodas na que Peter Punk mostrará as súas habilidades e baixará a rampla da desescalada para bater co muro dos recortes.

Multimedia