Pestanas principais

Continúa aberto o prazo para inscribirse na IV edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Martes, 21 marzo, 2023
O prazo para anotarse na IV edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre segue aberto ata o vindeiro mércores, 29 de marzo, ás 23:59 horas. As inscricións poden facerse a través de emesports.es. Trátase dunha competición organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo e que se desenvolverá o domingo 2 de abril. A saída do trail terá lugar ás 10:00 horas dende Ponte Maceira. Cinco minutos máis tarde, e desde o mesmo lugar, sairá a andaina. A proba enmárcase dentro da especialidade atlética do trail-running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Poderá participar calquera deportista, estea ou non federado. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil.

Os competidores e competidoras tanto do trail como da andaina sairán de Ponte Maceira, ata onde serán trasladados por un autobús dende as instalacións en Ames do Real Aeroclub, a partir das 8:15 horas. 

No trail haberá varias categorías: sénior masculino e feminino (persoas que teñen 18 anos cumpridos o día da proba), máster 1 masculino e feminino (persoas de 35 a 40 anos), máster 2 masculino e feminino (persoas de 41 a 49 anos), máster 3 masculino e feminino (persoas de 50 ou máis anos) e absoluta masculino e feminino (calquera das categorías anteriores). Pola contra, na andaina non se establecerán categorías de participación, pero os menores de idade terán que ir acompañados en todo momento por un adulto maior de 18 anos. A idade mínima de participación na andaina será de 12 anos.

Os dorsais teñen un prezo de 7 euros para os participantes na andaina e de 11 euros para os participantes no trail, e poderán recollerse a partir das 8:15 horas no propio Real Aeroclub de Ames.

Outorgaranse premios para os tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría, ademais de premios aos catro primeiros clubs da clasificación do trail. Así mesmo, todos os participantes levarán un agasallo técnico pola súa participación (que poderán recoller xunto ao dorsal de competición antes de coller os autobuses). A entrega de premios levarase a cabo a partir das 12:45 horas nas instalacións do Real Aeroclub.En canto aos equipos, daranse premios especiais aos catro primeiros, tanto federados como populares, que deberán inscribirse coa mesma documentación e igual indumentaria. Para isto, tomaranse como referencia os seis primeiros clasificados e clasificadas de cada equipo, os cales poden ser mixtos.

Multimedia