- Tematica
O Concello de Ames ilumina a súa fachada este xoves, 15 de outubro, coas cores azul e rosa pola celebración do Día internacional da Perda Xestacional, Neonatal e Perinatal. A xornada ten o obxectivo de concienciar á poboación sobre as consecuencias da perda dun bebé durante o embarazo, o período neonatal ou o primeiro ano de vida, tanto para as mulleres como para as súas parellas, familias e contorna próxima.
Esta perda supón un gran impacto emocional e mental, e pode producir situacións de tensión postraumática. A abordaxe desta situación require dun equipo multidisciplinar, que acompañe ás persoas afectadas para facilitar o seu duelo mediante unha atención integral de calidade. Os profesionais sanitarios e a contorna máis próxima son claves no proceso de acompañamento.
O Concello de Ames súmase así a esta iniciativa promovida pola asociación Bolboretas no Ceo, que ten por obxectivo que entidades de toda Galicia apoien as súas reivindicacións coa iluminación de edificios ou monumentos significativos de cada vila, dando deste xeito visibilidade ás familias que pasan por esta situación.
Que é Bolboretas no Ceo?
Bolboretas no Ceo é unha asociación galega de apoio ao duelo xestacional, perinatal e neonatal. Naceu da man de nais que sufriron en primeira persoa a perda dun fillo durante o embarazo ou nos seus primeiros días de vida, co obxectivo de:
-Prestar apoio emocional a través de grupos de axuda mutua (GAM) para romper o silencio e a soidade deste tipo de duelo.
-Ofrecer asesoramento legal e orientación ás familias implicadas.
-Reivindicar melloras sanitarias, impulsando a implantación de protocolos específicos nos hospitais do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Podes comunicarte con eles a través do teléfono 653 16 27 83 ou a través do correo electrónico bolboretasnoceo@gmail.com.




