Pestanas principais

A aula CEMIT organiza novos cursos de formación para adultos e nenos/as ao comezo do ano 2026

Martes, 30 decembro, 2025
A aula CEMIT, logo dos obradoiros de Nadal para a rapazada, presenta tres novos cursos de formación para adultos e outros dous para os máis cativos na área de Técnicas da Información e a Comunicación entre os meses de xaneiro e febreiro. Así, “Crea o teu CV a medida!”, “Busca de emprego a través de Internet” e “Textos con LibreOffice Writer”, serán as ensinanzas aplicadas ao mundo laboral nun contexto de constante cambio e actualización. Para os nenos e nenas, a aula CEMIT ofrece “Informática para rapaces/as” e “Mecanografía para rapaces/as”. O prazo de inscrición xa está aberto.

Unha vez finalizado o Nadal, a aula CEMIT porá a disposición da veciñanza de Ames tres cursos de utilidade para introducirse no mundo laboral. O primeiro deles será “Crea o teu CV a medida!”, un obradoiro que comezará o 7 de xaneiro ata o 19 de xaneiro, en horario de 17.15 a 18.45 horas os luns e os mércores, e permitirá aos usuarios e usuarias aprender a realizar un bo currículo adaptado as necesidades específicas de cada persoa á hora de buscar emprego. 

Unha vez finalizado, e como continuación orgánica e aplicada, comezará o día 21 de xaneiro ata o día 28 o curso “Busca de emprego a través de Internet”, de luns a mércores en horario de 17.15 a 18.45 horas. Este curso busca transmitir os coñecementos necesarios para poder afrontar a busca de emprego a través de internet de maneira satisfactoria, así como unha morea de recursos e consellos para facelo correctamente.

Por último, a aula CEMIT ofrece, dende o 2 de febreiro ata o 11 de marzo, os luns e os mércores en horario de 17.15 a 18.45, o curso “Textos con LibreOffice Writer”, unhas aulas de ofimática de introdución ata un nivel medio, onde se ensinará a inserir e dar formato a todos os elementos que se poden engadir a un documento de texto. 

Cursos para rapaces e rapazas
Os nenos tamén poderán gozar de dous cursos simultáneos relacionados coa área da TIC. “Informática para rapaces/as” comeza o día 13 de xaneiro e remata o 24 de marzo e celebrarase os martes, de 17.15 a 18.45. O obradoiro terá un grupo único para nenos e nenas de 9 a 14 anos, os cales aprenderan a utilizar de maneira avanzada o navegador web e aprenderán a manexar o procesador de texto, edición de imaxes ou o correo electrónico. 

Á vez, ofrécese “Mecanografía para rapaces e rapazas” dende o 15 de xaneiro ata o 26 de marzo. A diferenza de “Informática para rapaces/as”, este curso terá dous grupos de idade: un de 7 a 10 anos, con clase os xoves de 17.00 a 18.00 horas; e outro de 10 a 14 anos, con clase tamén os xoves, pero de 18.00 a 19.00 horas. As aulas consistirán no aprendizaxe de uso de ferramentas web coa que poder crear debuxos pixelados. 

Tanto para os cursos de adultos como para os de menores, será requisito apuntarse, ou ben por teléfono, no número 682 373 753, ben no enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal, ou ben de maneira presencial na propia aula, situada no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns. O prazo de inscrición xa está aberto. As prazas están limitadas a 14 por curso. 

Horario de Nadal do CEMIT
Durante o período de Nadal (22 de decembro a 6 de xaneiro), a aula CEMIT modifica os seus horarios de apertura. Durante esta época, abrirá polas mañás de luns a venres dende as 8.15 ata as 13.50 horas. Ademais, a aula estará pechada o 24, 25 e 31 de decembro, así como o 1 e 6 de xaneiro.

Multimedia