Pestanas principais

Aula AMTIC: quedan prazas libres para a activiadade Mini Artistas Dixitais: postais de Nadal divertidas con Canva

Venres, 19 decembro, 2025
A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (Aula AMTIC) do Concello de Ames, localizada no Milladoiro, oferta para este mes de decembro tres novos cursos, un para adultos e outros dous para os máis cativos.

Dende a Aula AMTIC informan de que quedan prazas libres para a actividade Mini Artistas Dixitais: postais de Nadal divertidas con Canva, que se vai impartir os días 22 e 23, de 10.00 a 12.00, onde os cativos e cativas aprenderán a crear as súas propias postais de Nadal mentres aprenden a utilizar ferramentas dixitais de deseño. A actividade está dirixida para nenos e nenas de 5 a 7 anos.

A inscrición neste curso pode realizarse chamando ao número de teléfono 698 172 347 (os luns de 09.00 a 14.00 e os mércores, xoves e venres, de 10.00 a 12.30 e de 16.00 a 20.00 horas), enviando ao enderezo informatica.milladoiro@gmail.com a solicitude de inscrición cuberta e asinada ou de xeito  presencial na aula AMTIC do Milladoiro en horario de aula aberta (de luns a venres de 09.00 a 13.00 horas). Pódese descargar a ficha de inscrición para as actividades da Aula AMTIC na seguinte ligazón

Novas actividades formativas
Ademais, a Aula AMTIC vén de publicar un formulario para que os veciños/as de Ames, poidan enviar propostas de actividades formativas para a aula e para os centros do rural. Na actualidade, están planificando os cursos e actividades de 2026 relacionadas coa Aula AMTIC da Casa da Cultura do Milladoiro e coas parroquias de Ames, adaptándose ás necesidades e intereses da veciñanza. A opinión dos/as veciños/as é fundamental para seguir ofrecendo formación útil, actual e accesible para todas as idades. Por iso solicitan a colaboración da veciñanza para cubrir esta breve enquisa anónima e axudarlles a crear unha programación que realmente sexa interesante.

Multimedia