- Tematica
Poderán presentar propostas para a grella de Radio Cidadá asociacións e entidades do concello e calquera persoa maior de 18 anos ou de 16, neste último caso baixo a responsabilidade de algún dos seus proxenitores ou titores. Os interesados e interesadas deberán cubrir o impreso de solicitude indicando o título, obxectivos e descrición do programa, temas e público ao que vai dirixido, periodicidade, duración e día e hora de emisión suxerido.
Ames Radio pon a disposición da veciñanza o seu espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas seleccionados nos días e horas que se determinen. A emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión asesora de Comunicación do Concello de Ames, aínda que se procurará respectar no posible as propostas de emisión das persoas ou entidades propoñentes.
O proxecto de Radio Cidadá comezou en outubro de 2017 con dez programas realizados pola cidadanía. Neles, abordábanse temas tan diversos como a educación dos fillos, a diversidade cultural ou o patrimonio histórico e cultural do concello. Destes dez programas mantéñense en antena catro: Tangos de la esquina sur, Vivirmos nun mundo finito, De Museo e Miradas. Os dous primeiros (Tangos de la esquina sur e Vivirmos nun mundo finito) ao ser programas semanais levan 198 programas emitidos e están a piques de chegar aos 200 programas realizados.





