Pestanas principais

Alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior dun episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos por neve e vento

Xoves, 22 xaneiro, 2026
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) informa no boletín 45/71GAL emitido o día 22/01/2026 ás 11:42 horas, dun fenómeno meteorolóxico adverso por nevadas nivel amarelo que afectará a partir da tarde do día de hoxe ás zonas de Lugo (montaña), con acumulacións de neve de ata 10 centímetros en cotas por riba de 400 metros, e a Ourense (montaña) con acumulacións de ata 10 centímetros por riba dos 800 metros. Este fenómeno, acompañado de ventisca, estenderase a partir das 00:00 do día 23 ás zonas de A Coruña (interior) con acumulacións de 2 centímetros por enriba dos 400 metros, e a Lugo (centro) e Ourense (Miño, e Valdeorras) con acumulacións de ata 4 centímetros por enriba dos 400 metros.

Asemade, agárdase para o mediodía do día de hoxe ventos de nivel amarelo na provincia de A Coruña e provincia de Lugo, Ourense (montaña) e provincia de Pontevedra. Para mañá, o vento de nivel amarelo manterase nas zonas de A Coruña (oeste, noroeste e suroeste) Lugo (A Mariña) e Pontevedra (Rías Baixas).

A partir das 00:00 do día 23, o fenómeno de nevadas acadará nivel laranxa nas zonas de Lugo (sur); Ourense (noroeste, sur); Pontevedra (interior), con acumulacións de ata 5 centímetros en cotas por enriba dos 400 metros e ventisca e Ourense (montaña) con acumulacións de ata 20 centímetros en cotas por enriba dos 400 metros.

Doutra banda, a predición de Meteogalicia sinala que o fenómeno de nevadas tamén acadará nivel laranxa para o día de mañá en Lugo (centro e montaña) e en Ourense (Miño e Valdeorras).

Polo que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior comunícalles que, en previsión destes feitos, se adopten as medidas preventivas necesarias ante as citadas predicións meteorolóxicas e, no seu caso, alerten ou mobilicen aos medios e recursos a dispor. Ante calquera emerxencia hai que chamar ao 112.

No caso de precisar información máis puntual ou desagregada, chame ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, ou consulte a páxina web da AEMET: www.aemet.es, do CIAE 112: www.axega112.gal, e de Meteogalicia: www.meteogalicia.es.

Multimedia