- Tematica
As Brincadeiras Miúdas, actividade incluída no Apego, xa é todo un clásico para as familias que participan no programa. Esta proposta traerá unha tarde de música, xogo e divertimento dinamizadas e dirixidas por Cé Orquestra Pantasma, un músico e mestre xogueteiro especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza con diferentes propostas lúdicas e musicais. Esta actividade ten como obxectivos fomentar a creatividade e a autonomía das crianzas e demostrar que a natureza pode ser a mellor e máis divertida feira xogueteira.
As brincadeiras comezarán cun concerto participativo de Cé Orquestra Pantasma e continuarán con xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais. Con esta xornada preténdese compartir tempo de lecer e diversión en galego e fomentar o xogo sen instrucións nin sobreestímulos. As crianzas xogarán libremente e ao seu ritmo, adaptándose ás súas propias necesidades e guiándose pola súa propia imaxinación.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.





