Pestanas principais

Aberto o prazo para solicitar os carnés de usuario/a das piscinas municipais descubertas para o verán de 2026

Mércores, 10 xuño, 2026
O Concello de Ames abriu o luns, 1 de xuño, o prazo para solicitar os carnés de usuario/a das piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro. Este ano, como novidade, o proceso realizarase a través da nova app Concello de Ames. O prezo dos carnés oscila entre os 5 e os 20 euros dependendo das circunstancias de cada usuario/a. As piscinas municipais abrirán do 15 de xuño ao 15 de setembro en horario de 11.00 a 21.00 horas.

Ante a próxima apertura das piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro, a Concellaría de Deportes abriu o luns, 1 de xuño, o prazo para facerse co carné de usuario/a destas instalacións. Para solicitar a tarxeta de usuario/a é preciso realizar o proceso dende a nova app Concello de Ames.

Deste xeito, os usuarios e usuarias deberán darse de alta no aplicativo e subir unha foto onde se vexa claramente o rostro. Unha vez feito isto, tramitarase o carné trasladaráselles a unha pasarela de pago. O rexistro de menores de idade, persoas con tutela legal ou persoas maiores con dificultade para as novas tecnoloxía, terao que realizar un só dos proxenitores, titores legais ou adulto. Esta persoa terá que rexistrarse primeiro como persoa usuaria e, unha vez iniciada sesión na súa conta, accederá ao apartado contas subordinadas e engadirá as contas que se precisen.

Unha vez feito o rexistro de menores ou tutelados, a solicitude de calquera dos servizos deportivos para eles realizarase desde a conta de usuario do/da pai/nai ou titor/a que o ten asociado na súa conta. Despois, seleccionarase o servizo desexado e despregando o campo “Elixir persoa” aparecerá a listaxe de usuarios incluídos nesa conta, o que lle permitirá escoller o nome da persoa para a que se solicita ese servizo.

Prezo dos abonos
Para este verán, ofértanse varios tipos de abono: o familiar de tempada (no que se inclúen pais e fillos menores de 18 anos, e engadirá aos fillos menores de 25 anos cando estes non dispoñan de ingresos propios) que custará 20 euros; o individual para toda a tempada, de 14 euros, e o abono de tempada para menores de 18 anos, de 7 euros.

Tamén haberá abonos mensuais, de 7 euros para maiores de idade e de 5 euros para menores de 18 anos. Os menores de 4 anos están exentos de pago. O terceiro irmán/a en abono, menor de 18 anos, terá unha redución do 50%. Ademais existen exencións de taxas nos abonos, sempre e cando se conte con informe de Servizos Sociais.

Os interesados/as poden solicitar máis información chamando ao número de teléfono 981 535 940 (oficina de Deportes do Milladoiro) ou no número de teléfono, 619 842 504 (na oficina de Deportes de Bertamiráns), en horario de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas. A apertura das piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro está prevista para o 15 de xuño. Permanecerán abertas ata o 15 de setembro, en horario de 11.00 a 21.00 horas.

Nova app Concello de Ames
Logo de desenvolver o aplicativo Cronos, o Concello de Ames dá un paso máis na dixitalización dos servizos deportivos coa aplicación Deportes Concello de Ames. Esta plataforma permite aos usuarios e usuarias inscribirse nas actividades deportivas das Escolas deportivas municipais, facer a reserva dos distintos espazos deportivos (pistas de tenis e pádel), e tramitar os distintos tipos de carné de acceso para as piscinas descubertas municipais. Todo, de xeito doado dende un dispositivo electrónico portátil.

Accións como a xestión da porta de acceso aos recintos deportivos ou mesmo a activación das luces, poderán facerse facilmente dende esta nova aplicación, a cal tamén permite facer reservas de instalacións para outras persoas ou autorizar a outros usuarios e usuarias para que realicen reservas das pistas deportivas no noso nome.

Actualmente, dita plataforma está dispoñible en versión online e na App Store e no Google Play, polo que ten versión para Android e iOS. Pódese acceder a través dos banners que están colocados na cabeceira e ao pé da páxina web municipal.