Pestanas principais

Aberto o prazo para solicitar a adxudicación de concesión de 295 unidades de enterramento do cemiterio municipal de Ames

Venres, 11 agosto, 2023
Na Xunta de Goberno Local do 20 de xullo de 2023 aprobouse o expediente da segunda licitación, mediante procedemento aberto, tramitación ordinaria, cun único criterio de adxudicación que é o prezo, para a concesión de unidades de enterramento no cemiterio municipal de Os Batáns. Os/as interesados/as deberán presentar ata o 25 de agosto, ás 14.00 horas, a correspondente solicitude para a adxudicación de unidades de enterramento do cemiterio municipal de Ames. A solicitude pódese realizar a través da Sede electrónica ou de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro de Bertamiráns e do Milladoiro. Para máis información pódese acceder á plataforma de contratación do sector público onde se pode consultar o expediente de licitación.

O Concello de Ames abre unha nova convocatoria de solicitude de unidades de enterramento mediante un proceso de licitación, cun único criterio de adxudicación que é o prezo. No 2017 convocouse unha primeira licitación que comprendeu as unidades de enterramento dispoñibles. Debido a que tras esa primeira licitación quedaron desertas numerosas unidades, posteriormente no ano 2019 realizouse un procedemento de adxudicación directa entre as persoas interesadas. As concesións outorgáronse, por períodos de 25 anos renovables ata un máximo de 75 anos, ou por períodos de 75 anos sen posibilidade de renovación, a petición dos solicitantes.

Posteriormente, rematados ditos procedementos, para aquelas persoas que precisaron facer uso do dereito funerario, e cumprían os requisitos reflectidos no regulamento de cemiterio municipal de Ames, foron adxudicadas concesións temporais non renovables por períodos de tempo de 5 anos.

Debido a que segue a haber dispoñibilidade de unidades de enterramento no cemiterio, volveuse aprobar o procedemento da segunda licitación, mediante procedemento aberto, para a adxudicación, do uso privativo, das unidades de enterramento dispoñibles no cemiterio municipal de Ames. Ademais, a través de dita convocatoria ofrécese a opción as persoas que dispoñen dunha concesión temporal de 5 anos, de solicitar a conversión nunha concesión de longa duración da unidade de enterramento utilizada.

O cemiterio municipal dispón das seguintes unidades de enterramento:
−Nicho: unidade de enterramento construída en edificación.
−Panteón: conxunto de unidades de enterramento. Son de dous tipos:
• Tipo A (3 nichos e un columbario).
• Tipo B (4 nichos).
−Columbario: unidade para depósito de urnas de cinzas resultantes da cremación ou para depósito de ósos.
−Tumbas: unidade de enterramento soterrada.

Unidades de enterramento que se ofertan en concesión
Tras as adxudicacións que xa foron realizadas anteriormente, neste segundo procedemento, os nichos, panteóns, tumbas e columbarios que se ofertan en concesión son os correspondentes ás rúas 1, 2, 6 e 7. Existen cinco lotes que se distribúen do seguinte xeito:

  • Panteón tipo A (3 nichos e un columbario): 153 panteóns dos cales 57 panteóns están na  rúa 1 e 96 panteóns na rúa 7.
  • Panteón tipo B (4 nichos) na rúa 2: 65 panteóns. Na rúa 2 asignaranse tanto os panteóns tipo B, coma os nichos independentes, polo que as unidades dispoñibles indicadas reflicten o número máximo total dispoñible, segundo o tipo de unidade de enterramento que se pode solicitar nesa rúa. A asignación de un tipo de unidade de enterramento restará unidades dispoñibles do outro, o tratarse do mesmo conxunto de unidades as que se están a licitar.
  • Columbarios na rúa 1: 20 columbarios
  • Nichos independentes na rúa 2: 263 nichos. Na rúa 2 asignaranse tanto os panteóns tipo B, coma os nichos independentes, polo que as unidades dispoñibles indicadas reflicten o número máximo total dispoñible, segundo o tipo de unidade de enterramento que se pode solicitar nesa rúa. A asignación de un tipo de unidade de enterramento restará unidades dispoñibles do outro, o tratarse do mesmo conxunto de unidades as que se están a licitar.
  • Tumbas na rúa 6: 57 tumbas.

Prazo da duración da concesión
Segundo se recolle se recolle no regulamento do cemiterio municipal de Ames, en función da sua duración, existen dúas modalidades de concesión para as distintas unidades de enterramento (nichos, panteóns tipo A, panteóns tipo B, columbarios e tumbas), que son:

1.-Concesión por un período de 25 anos, con posibilidade de renovación por períodos de 25 anos ata un máximo de 75 anos.
2.-Concesión por período de 75 anos non renovable.

As persoas interesadas en participar no procedemento, indicarán na súa solicitude a duración pola que están a solicitan a concesión.

Prazo de solicitude
Os/as interesados/as deberán presentar ata o 25 de agosto, ás 14.00 horas, a correspondente solicitude para a adxudicación dalgunha das 295 unidades de enterramento que se ofrecen. A solicitude pódese realizar a través da Sede electrónica ou de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro de Bertamiráns e do Milladoiro.

Para obter máis información sobre dito procedemento pódese acceder ao expediente de licitación ou ir de xeito presencial pola Casa do Concello. Ao pé desta nova podes descargar os modelos de solicitude e mailos pregos de licitación onde está toda a información do procedemento.