Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse no XVII concurso de escaparates de Nadal

Xoves, 1 decembro, 2022
O prazo de inscrición do XVII Concurso de escaparates de nadal de Ames xa está aberto. Os interesados poderán anotarse ata o día 5 de decembro ás 14:00, e as solicitudes poden presentarse de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nos rexistros municipais da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou nas Oficinas municipais do Milladoiro. Tamén se poden presentar a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Non se admitirán solicitudes fóra de prazo.

Os motivos e decoración dos escaparates terán como tema as Festas de Nadal e só poderá presentarse ao concurso un único proxecto por establecemento. Os escaparates deberán estar expostos, como mínimo, entre os días 10 de decembro de 2022 e o 7 de xaneiro de 2023. Todos os concursantes terán que enviar unha foto do escaparate ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, antes do 18 de decembro de 2022.

As bases e a ficha de inscrición poden descargarse premendo nas ligazóns que se atopan debaixo deste aviso.