Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse no XVI Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames

Mércores, 15 decembro, 2021
Volven as decoracións de Nadal aos establecementos amesás, cun total de 3.400 euros en premios para as persoas empresarias e autónomas que participen na XIV edición do Concurso de Escaparates. As inscricións para o certame, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, están abertas ata o luns 20 de decembro ás 14:00 horas, presentando o impreso de inscrición nos diferentes rexistros municipais ou na Sede electrónica do Concello. O xurado valorará as montaxes pola súa capacidade de atracción, a orixinalidade, e a elaboración propia, así como o emprego de obxectos propios ou de materiais de refugallo.

Os escaparates deberán estar expostos ao menos dende o 23 de decembro ata o 7 de xaneiro, datas nas que os negocios participantes recibirán visitas do xurado, que excluirá ás candidaturas que non se atopen montadas. Compoñen este tribunal catro persoas: unha representante da Unión de Consumidores de Galicia e tres representantes do voluntariado do concello (voluntariado de Ames, da Aula da Natureza e de Protección Civil). Terán en conta das montaxes participantes a súa capacidade de atracción, a orixinalidade e a elaboración propia, seguindo criterios de composición e deseño. Ademais, o xurado, que valorará de maneira individual sobre dez os espazos, tomará nota da utilización de elementos propios da actividade comercial da empresa, así como da reciclaxe de materiais de refugallo. Todas as candidaturas terán que enviar unha foto do escaparate ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, antes do 30 de decembro de 2021.

Entre as persoas gañadoras repartirase un total de 3.400 euros, o que supón un aumento de 900 euros con respecto á dotación da edición anterior. O número de galardoadas tamén se reduce, e pasa de cinco a catro: o primeiro premio é de 1.400 euros; o segundo, de 1.000 euros; o terceiro, de 600 euros, e o cuarto, de 400 euros. Ademais, os establecementos recoñecidos gozarán de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, a determinar de acordo coas necesidades de programación da radio municipal.

Para participar no concurso cómpre ser maior de idade e titular ou cotitular dun establecemento comercial no concello de Ames. As inscricións, de balde, poden realizarse ata o 20 de decembro ás 14:00 horas, presentando esta solicitude de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, nos rexistros municipais presentes na Casa do Concello de Bertamiráns, nas oficinas municipais do Milladoiro, ou ben a través da sede electrónica do Concello de Ames. O fallo do xurado darase a coñecer durante o mes de xaneiro de 2022. Non poderán participar no concurso as persoas que formen parte do xurado e que sexan titulares ou cotitulares dun establecemento comercial, así como calquera outra persoa que teña un parentesco en primeiro ou segundo grao con algún membro do xurado.