Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Primavera Lúdica 2026

Martes, 20 xaneiro, 2026
Dende este venres, 16 de xaneiro, e ata o venres 30 de xaneiro, estará aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación Primavera Lúdica, que se desenvolverá os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril de 2026. No programa poderán participar familias empadroadas no Concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou de primaria no curso 2025-2026, e que acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral coa familiar. A Primavera Lúdica ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días.

O programa de conciliación Primavera Lúdica é unha oferta educativa e de ocio concibida para axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e a familiar. Para sumarse ao servizo, cómpre que as nais, pais ou responsables legais acrediten a necesidade de conciliar. Tamén é necesario non ter débedas en período executivo coa facenda municipal.  As familias interesadas deberán entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

Neste senso, os centros educativos nos que se desenvolverá a Primavera Lúdica serán o CEIP da Maía, en Bertamiráns; e o CEP de Ventín e a EEI Milladoiro, ambos centros situados na localidade do Milladoiro. O programa desenvolverase durante os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril de 2026. Na EEI Milladoiro ofértanse 30 prazas, no CEP de Ventín outras 30 prazas e no CEIP da Maía ofértanse 60 prazas (30 para infantil e 30 para primaria).

O programa oferta os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como o Bos Días ou o comedor, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida serán ás 14:30 ou ás 16:00 horas.

Presentación de solicitudes
O prazo de inscrición está aberto desde o 16 ata o 30 de xaneiro. As solicitudes poderán facerse de forma presencial das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (Milladoiro ou Bertamiráns) ou de forma telemática a través da Sede Electrónica. Tamén se poden presentar a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas na sección de avisos da web municipal e na páxina conciliames.gal, na que se establecerá un prazo para entregar a documentación requirida naqueles casos nos que sexa preciso.

Documentación necesaria
As persoas interesadas deben presentar, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación, a seguinte documentación: copia auténtica ou cotexada do libro de familia e do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais; certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. De ser o caso, deberá presentarse ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Multimedia