Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Entroido Lúdico

luns, 4 Decembro, 2023 a mércores, 20 Decembro, 2023
Desde este luns, 4 de decembro, e ata o mércores 20 de decembro, estará aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Entroido Lúdico”, que se desenvolverá os días 12, 13 e 14 de febreiro de 2024. No programa poderán participar familias empadroadas no Concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou de Primaria, e que acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral coa familiar. O “Entroido Lúdico” ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As familias interesadas deberán entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (en Bertamiráns e no Milladoiro).

O programa de conciliación “Entroido Lúdico” é unha oferta educativa e de ocio concibida para axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e a familiar. Para sumarse ao servizo, cómpre que as nais, pais ou responsables legais acrediten a necesidade de conciliar. Neste senso, os centros educativos nos que se desenvolverá o Entroido Lúdico serán o CEIP da Maía, en Bertamiráns, e a EEI do Milladoiro e mailo CEP de Ventín, no Milladoiro. O programa desenvolverase nos días 12, 13 e 14 de febreiro de 2024.

O programa oferta os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como o Bos Días ou o comedor, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida serán ás 14:30 ou ás 16:00 horas.

Presentación de solicitudes
As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, entre o 4 e o 20 de decembro, ambos incluídos. Tamén se poderán entregar de xeito presencial en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Tamén se poden presentar a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas na sección de avisos da web municipal e na páxina conciliames.gal, na que se establecerá un prazo para entregar a documentación requirida naqueles casos nos que sexa preciso.

Documentación necesaria
As persoas interesadas deben presentar, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación, a seguinte documentación: copia auténtica ou cotexada do libro de familia e do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais; certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. De ser o caso, deberá presentarse ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

 

Multimedia