Pestanas principais

Aberto o prazo de preinscrición para os campamentos de verán 2022

Martes, 19 abril, 2022
O Concello de Ames publica un ano máis o seu programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 445 prazas repartidas entre 10 campamentos diferentes con estadía nocturna, que se desenvolverán en diferentes datas entre o 26 de xuño e o 3 de setembro. Este ano, coma novidade, inclúense novos destinos para ditos campamentos e increméntase o número de prazas. Organizaranse, tamén, dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da natureza. O prazo de preinscrición estará aberto do 19 ao 28 de abril.

A preinscrición para este servizo realizarase enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal para o campamento urbano e mailos campamentos de educación infantil e primaria. Para inscribirse nos campamentos de secundaria e bacharelato hai que enviar un correo electrónico a omix@concellodeames.gal. Hai que enviar o impreso de preinscrición que se pode descargar aquí

O servizo de Campamentos de Verán 2022 está dirixido á rapazada que estea cursando educación infantil, primaria, secundaria ou bacharelato. Este ano ofrece máis campamentos e increméntase o número de prazas (hai 66 prazas más que a pasada edición), ademais de incorporar novos destinos como os campamentos ao cámping Paisaxe II, no Grove; á praia de Patos, en Nigrán; e á Granxa Escola de Bergando, en Negreira. Por primeira vez organízase un campamento único e específico dirixido ao alumnado de cada curso de educación primaría.

Trátase dunha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar a nenas/os e mozas/os das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia fomentando a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito de vida saudable ao tempo que se achegan ao medio natural, ao deporte ou á cultura.

Ampla oferta de campamentos para todas as idades
Os nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Infantil poderán participar no campamento Fervenzaventura, en Bandeira. A estadía será do 29 de xuño ao 1 de xullo e ofértanse 25 prazas. O prezo deste campamento é de 90 euros.

Para o alumnado de 1º de educación primaria está programado un campamento na Granxa Escola Bergando, en Negreira, do 6 ao 8 de xullo. Ofértanse 35 prazas e ten un custo de 90 euros. As/os nenas/os de 2º de primaria terán a oportunidade de ir ao campamento da Granxa Escola Corazón de Carballo, en Tomiño, do 18 ao 20 de xullo. Para este campamento tamén se ofertan 35 prazas e custa 90 euros.  

En canto ao alumnado de 3º de educación primaria, teñen como campamento de destino Galipark (en Padrón), e desenvolverase do 4 ao 8 de xullo con 40 prazas dispoñibles e un prezo de 125 euros. Mentres que os de 4º de primaria irán ao Ecoalbergue Alvarella, situado nas Fragas do Eume, do 28 de xuño ao 2 de xullo. Para este campamento ofértanse 40 prazas e ten un custo de 125 euros.

Xa no último ciclo de primaria, a rapazada de 5º irá ao cámping O Terrón, situado en Vilanova de Arousa, do 12 ao 17 de xullo. Ofértanse 40 prazas e ten un custo de 170 euros. Ao alumnado de 6º de educación primaria ofréceselle a posibilidade de acudir ao campamento da praia de Patos, en Nigrán, do 26 de xuño ao 1 de xullo. Neste caso tamén se ofertan 40 prazas e este campamento ten un custo de 170 euros.

Por outra banda, o alumnado de 1º e 2º da ESO poderá ir ao campamento da praia América, en Nigrán, do 10 ao 16 de xullo. Hai 50 prazas para este campamento, que ten un custo de 220 euros. Os rapaces e rapazas de 3º da ESO a 2º de bacharelato, este verán irán por primeira vez ao cámping Paisaxe II, situado no Grove, do 10 ao 16 de xullo. Neste caso tamén se ofertan 50 prazas e ten un custo de 220 euros.

Xa por último compre engadir, a Granxa Escola El Kiriko (en Fornelos de Montes), que está destinada a nenas e nenos de entre 6 a 14 anos. Este último celebrarase do 29 de agosto ao 3 de setembro e conta con 40 prazas. Este campamento ten un prezo de 150 euros.

Campamentos urbanos
Ademais, a Aula da Natureza do Concello de Ames organiza dúas quendas do campamento urbano, que está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos. A primeira quenda realizarase do 4 ao 15 de xullo, mentres que a segunda quenda será do 18 ao 29 de xullo. Ofértanse 25 prazas por quenda e levaranse a cabo de luns a venres, de 11.00h a 18.00 horas.

Preinscrición aos campamentos
A preinscrición aos campamentos realizarase mediante correo electrónico. Desta maneira, enviarase un correo a auladanatureza@concellodeames.gal no caso do campamento urbano e dos campamentos destinados a educación infantil e primaria e a omix@concellodeames.gal no caso dos campamentos de secundaria e bacharelato. O formulario de preinscrición pode descargarse premendo aquí ou ao pé desta nova. Enviaráselle a cada usuario/a a conformidade de recepción do correo de preinscrición e o código correspondente co fin de identificarse nas listas provisionais e definitivas.

No caso de non poder facer a preinscrición a través do correo electrónico, e de xeito excepcional, poderá recollerse a preinscrición nas Oficinas Municipais de Medio Ambiente e Mocidade e presentala no Rexistro Xeral do Concello, situado na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou no Rexistro das Oficinas Municipais do Milladoiro. Para presentar a documentación en calquera destes dous Rexistro, previamente hai que sacar cita previa na Sede electrónica do Concello ou chamando aos números de teléfono: 881 074 710 / 881 074 711.

Está previsto que o 4 de maio se publique a lista provisional de admitidas/os na páxina web municipal e nos taboleiros oficiais do Concello, sobre a cal se poderán facer alegacións.  Posteriormente, o 9 de maio publicaranse as listas definitivas.

A adxudicación de prazas realizarase de maneira directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles. No caso de que o número de prazas solicitadas supere ás ofertadas, a adxudicación realizarase mediante sorteo público, que terá lugar o 11 de maio no salón de plenos da Casa do Concello ás 18.00 horas. O resultado e a lista de agarda publicarase o 12 de maio.

Matrícula
O prazo de matrícula estará aberto dende o 18 ata o 30 de maio. Para facer a inscrición débese presentar:
    • Impreso de matrícula debidamente cumprimentado.
    • Copia da tarxeta sanitaria.
    • Certificado médico (só no caso de padecer enfermidade que deba ser reflectida).

Presentarase preferiblemente a través  do Rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Excepcionalmente, e con cita previa, poderá entregarse nos rexistros do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas, sempre con CITA PREVIA (Teléfonos: 881 074 710 / 881 074 711).

Máis información
Para solicitar máis información pódese contactar coa Concellería de Medio Ambiente, chamado ao 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal, ou contactar coa Concellería de Mocidade, chamando ao teléfono 616 083 229 ou enviando un correo a omix@concellodeames.gal.

Multimedia