Pestanas principais

Aberto o prazo de preinscrición no programa de Campamentos de Verán 2021

luns, 26 Abril, 2021 a luns, 3 Maio, 2021
O Concello de Ames publica o seu programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 379 prazas repartidas entre 10 campamentos diferentes con estadía nocturna, que se desenvolverán en diferentes datas entre o 28 de xuño e o 3 de setembro. Este ano, coma novidade, inclúense novos destinos para ditos campamentos. Organizaranse, tamén, tres campamentos urbanos. O prazo de preinscrición ábrese o luns, 26 de abril, e estará aberto ata o día 3 de maio. A preinscrición para este servizo realizarase enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal no caso dos campamentos de educación infantil e primaria e a omix@concellodeames.gal para os campamentos de secundaria e bacharelato. É imprescindible enviar no correo o impreso de preinscrición cuberto.

O servizo de Campamentos de Verán 2021 está dirixido á rapazada que estea cursando educación infantil, primaria, secundaria ou bacharelato. Este ano ofrece máis campamentos e prazas, ademais de incorporar novos destinos. Trátase dunha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar a nenas/os e mozas/os das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia fomentando a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito de vida saudable ao tempo que se achegan ao medio rural, ao deporte ou á cultura.

Ampla oferta de campamentos para todas as idades
Os nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Infantil poderán participar no campamento organizado na Granxa Escola Fervenzas do Toxa, en Silleda. A estadía será do 28 ao 30 de xuño e ofértanse 25 prazas.

Para o alumnado de 1º de educación primaria está programado un campamento na Granxa Escola Corazón de Carballo (en Tomiño). Será do 19 ao 21 de xullo e dispón de 30 prazas. As/os nenas/os de 2º de primaria tamén terán a oportunidade de ir a este mesmo campamento posteriormente, do 22 ao 24 de xullo, e contarase co mesmo número de prazas que a quenda anterior (30 prazas).

En canto ao alumnado de 3º de educación primaria, teñen como campamento de destino Galipark (en Padrón), e desenvolverase do 12 ao 15 de xullo con 30 prazas. Mentres que os de 4º de primaria irán a Naturmaz (en Mazaricos), do 5 ao 8 de xullo, contando con 24 prazas.

Xa no último ciclo de primaria, a rapazada de 5º irá ao Ecoalbergue Alvarella (nas Fragas do Eume) do 28 de xuño ao 3 de xullo. Para este campamento ofértanse 25 prazas. Ao alumnado de 6º de educación primaria ofréceselle a posibilidade de acudir ao Cámping Praia O Terrón (Vilanova de Arousa), do 6 ao 11 de xullo, que contan con 30 prazas dispoñibles.

Este ano, coma novidade,  o alumnado de 1º e 2º da ESO poderá ir á Residencia Abrente, en Portonovo (Portonovo-Sanxenxo), do 11 ao 17 de xullo. Ofértanse 40 prazas. Mentres, os rapaces e rapazas de 3º da ESO a 2º de bacharelato, este verán irán por primeira vez ao Cámping Praia América, en Nigrán, do 4 ao 10 de xullo. Conta con 30 prazas dispoñibles.

Xa por último compre engadir, a Granxa Escola El Kiriko (en Fornelos de Montes), que está destinada a nenas e nenos de entre 6 a 14 anos. Este último celebrarase do 29 de agosto ao 3 de setembro e conta con 40 prazas.

Campamentos urbanos
por outra banda, a Aula da Natureza do Concello de Ames organiza tres campamentos urbanos dirixidos a nenos e nenas de 6 a 16 anos. A primeira queda realizarase do 28 de xuño ao 9 de xullo, a segunda do 12 ao 23 de xullo e, por último, poderase acudir do 26 ao 30 de xullo. Ofértanse 25 prazas en cada un deles e levaranse a cabo de luns a venres, de 10.00 horas a 18.00 horas.

Preinscrición aos campamentos
A preinscrición aos campamentos realizarase mediante correo electrónico. Desta maneira, enviarase un correo a auladanatureza@concellodeames.gal no caso dos campamentos destinados a educación infantil e primaria e a omix@concellodeames.gal no caso dos campamentos de secundaria e bacharelato. É imprescindible enviar no correo  o impreso de preinscrición cuberto que se pode descargar aquí. Unha vez recibida a solicitude, o departamento correspondente enviará a conformidade de recepción.

No caso de non poder facer a preinscrición a través do correo electrónico, e de xeito excepcional, poderá recollerse a preinscrición nas Oficinas Municipais de Medio Ambiente e Mocidade e presentala no Rexistro Xeral do Concello, situado na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou no Rexistro das Oficinas Municipais do Milladoiro. Para presentar a documentación en calquera destes dous Rexistro, previamente hai que sacar cita previa na Sede electrónica do Concello ou chamando aos números de teléfono: 881 074 710 / 881 074 711.

Posteriormente, o 6 de maio publicarase a lista provisional de admitidas/os na páxina web municipal e nos taboleiros oficiais do Concello, sobre a cal se poderán facer alegacións. Xa o 12 de maio, publicaranse as listas definitivas.

A adxudicación de prazas realizarase de maneira directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles. No caso de que o número de prazas solicitadas supere ás ofertadas, a adxudicación realizarase mediante sorteo público, que terá lugar o 18 de maio no salón de plenos da Casa do Concello ás 18.00 horas. O resultado e a lista de agarda publicarase o 19 de maio.

Matrícula
O prazo de matrícula estará aberto de 19 de maio ata o 4 de xuño. Para facer a inscrición débese presentar:

  • Impreso de matrícula debidamente cumprimentado.
  • Copia da tarxeta sanitaria.
  • Certificado médico (só no caso de padecer enfermidade que deba ser reflectida).

Presentarase preferiblemente a través  do Rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR).

Excepcionalmente, e con cita previa, poderá entregarse nos rexistros do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas, sempre con CITA PREVIA (Teléfonos: 881 074 710 / 881 074 711).

Máis información
Para solicitar máis información pódese contactar coa Concellería de Medio Ambiente, chamado ao 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal, ou contactar coa Concellería de Mocidade, chamando ao teléfono 616 083 229 ou enviando un correo a omix@concellodeames.gal.

Multimedia