- Tematica
A Aula AmTIC do Milladoiro oferta novos cursos para este final de ano. Nesta ocasión, ofrecen cinco cursos dirixidos para persoas adultas, nos que se traballarán diferentes contidos e temáticas prácticas para a nosa vida diaria. Por outra banda, desenvolveranse dous cursos orientados para menores: un de mecanografía para os menores maiores de 10 anos, e outro de nivel básico de informática para a rapazada de entre 7 e 10 anos.
Cursos para adultos
Deste xeito, ofértanse en total cinco novos cursos para as persoas adultas. O primeiro deles é unha formación de ofimática aplicada ao emprego, que se impartirá do 8, 9 e 10 de outubro, en horario de 10.00 a 12.00. Nestas tres sesións, o obxectivo é ofrecer ferramentas e competencias dixitais que poidan ser útiles para o futuro laboral, coma para a busca de emprego, a elaboración do currículum, a xestión de candidaturas ou a mellora da empregabilidade creando perfís en redes sociais emprego profesionais .
Os días 15, 16 e 17 de outubro, en horario de 10.00 e 12.00 horas, terá lugar o curso “Seguridade dixital para a vida diaria”, no que se proporcionarán habilidades e coñecementos necesarios para protexer a información persoal na contorna dixital, poder identificar os posibles riscos ou ameazas que hai en internet e garantir un uso seguro dos nosos dispositivos dixitais.
A finais de mes, os días 22, 23, 24, 29, 30 e 31 de outubro, en horario de 10.00 a 12.00 horas, terá lugar a formación de “Mecanografía para adultos”, onde o alumnado poderá desenvolver a habilidade de escribir no teclado dunha forma rápida, precisa e sen ter a necesidade de mirar as teclas e mantendo unha postura axeitada.
En novembro desenvolveranse os dous cursos restantes dentro da nova programación da aula AMTIC. “Compras seguras a través da Internet” será a primeira desas formacións e impartirase os días 5, 6 e 7 de novembro, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Os contidos do curso estarán centrados en como realizar compras en liña de maneira segura, eficiente e confiable, para evitar así posibles riscos ou estafas e, ademais, protexer os nosos datos persoais e financeiros.
A derradeira das formacións para adultos que se impartirá nestes dous meses, será un curso de nivel medio de informática e que terá lugar os días 12, 13, 14, 19, 20, 21, 26, 27 e 28 de novembro, en horario de 10.00 a 12.00 horas. A través deste curso, o alumnado poderá fortalecer as súas competencias dixitais, adquirindo habilidades en varias ferramentas informáticas.
Curso para rapaces
Para os menores ofértanse dous cursos, un deles, de mecanografía dirixido a maiores de dez anos, que se realizará os días 15, 17, 22, 24, 29 e 31 de outubro, en horario de 17.15 a 18.45 horas. Nesta formación, os nenos e nenas desenvolverán a súa habilidade de escribir no teclado de forma correcta e rápida a través de xogos e actividades prácticas adaptados a eles.
A segunda das formacións para menores terá lugar en novembro, os días 5, 7, 12, 14, 19, 21, 26 e 18, en horario de 17.15 a 18.45 horas. Nesta ocasión, será un curso de nivel básico de informática para nenos e nenas de 7 a 10 anos. O obxectivo é que a rapazada desenvolva habilidades básicas co ordenador, fomentando a súa creatividade e curiosidade a través actividades prácticas e divertidas empregando aplicacións como scratch ou paint.
A inscrición en calquera destes cursos pode realizarse chamando ao número de teléfono 674 59 48 43, enviando ao enderezo informatica.milladoiro@gmail.com a solicitude de inscrición cuberta, que se pode descargar na seguinte ligazón, asinada ou presencialmente na aula AMTIC do Milladoiro en horario de aula aberta (De luns a venres de 10.00 a 12.30 e de 16.00 a 20.00).





