- Tematica
O programa de conciliación “Setembro lúdico” volve neste 2025 para axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e a familiar na época estival. Para sumarse ao servizo, cómpre que as nais, pais ou responsables legais acrediten a necesidade de conciliar, e que teñan nenos ou nenas escolarizadas no segundo ciclo de educación infantil ou en educación primaria. Non poderán participar os menores que vaian cursar 4º de Educación Infantil ou a ESO no vindeiro curso 2025-2026.
Neste senso, os centros educativos nos que se desenvolverá o Setembro Lúdico serán o CEIP Agro do Muíño e, en Milladoiro, na EEI e no CEP Ventín. O programa desenvolverase durante os días 1 e 5 de setembro de 2025.
O “Setembro lúdico” oferta os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como son o Bos Días xunto co servizo de comedor, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida serán as 14:30 ou as 16:00 horas.
Lugar de presentación das solicitudes
As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Estas tamén se poden entregar de xeito presencial en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns; ou a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.
Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas na sección de avisos da web municipal e nas oficinas municipais do Concello.
Documentación necesaria
As persoas interesadas deben presentar a seguinte documentación, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación: copia do libro de familia e do DNI do titular da conta, ademais de documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais (certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar). De ser o caso, deberá presentarse ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.
Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.





