Pestanas principais

Toponimia

A toponimia forma parte dos elementos culturais que a UNESCO denomina patrimonio inmaterial dos pobos.

En Galicia, e por suposto no Concello de Ames, debido ás nosas peculiaridades territorias e á nosa particular forma de relacionármonos co medio, a toponimia conforma un patrimonio de enorme riqueza  que se foi construíndo na lingua da xente que habitaba este territorio, na lingua propia deste país. O galego é a lingua sobre a que se constrúe a nosa cultura, o noso patrimonio e tamén a nosa toponimia. Polo tanto e tal como establece a lexislación vixente a través da Lei de normalización lingüística (3/1983, de 15 de xuño),  os topónimos de Galicia teñen como única forma oficial a galega.

Desde o Concello de Ames queremos contribuír a recuperar, a achegarlle a veciñanza  e a poñer en valor ese patrimonio común que está na base da nosa identidade colectiva como galegas e galegos.

Entendemos ademais que este pode ser un camiño ben útil para prestixiar a nosa lingua e  implicar a sociedade no proceso de normalización lingüística.

Nesta liña realizaranse actividades diversas en colaboración cos centros de ensino e cas asociacións municipais.

Como punto de partida, o Concello de Ames colaborou coa Real Academia Galega e coa Asociación Galega de Onomástica na publicación e difusión, dentro da colección Terra Nomeada, do libro de Xosé Ramón López Boullón, Toponimia de Ames (2019).

Esta publicación afonda na orixe dos nomes das 11 parroquias amesás e dos seus 115 lugares habitados e complétase coa explicación doutros 13 topónimos relevantes no concello, entre eles o do val no que asenta o concello, A Maía, xunto con ríos, regos, montes, pontes...

Documentos relacionados: