Pestanas principais

Ruta do Andoriña

Percorrido circular de dificultade baixa e 5,2 km que segue o trazado deste pequeno regato, e ten a praia de Tapia como punto de saída e retorno. Permite coñecer varios elementos da arquitectura popular e relixiosa do noso concello.

A ruta parte e remata na praia fluvial de Tapia. Desde aquí discorre paralela ao río Tambre ata que se incorpora á estrada e nos achega ata a Ermida da Nosa Señora da Madalena, a milagreira Fonte Santa e un cruceiro.

Seguindo un antigo caneiro chegamos ás ribeiras do rego do Andoriña que agochan varios muíños de regato. Devagar, os paseantes pasarán a carón dunha das murallas defensivas do castro de Piñeiro, un dos máis grandes da Maía.

Unha vez deixamos atrás o lugar de Rúa, o camiño lévanos ao Priorado de San Mamede. Alí encóntrase a igrexa, un edificio que foi un antigo convento beneditino e un hórreo de grandes dimensións.

Desde aquí internámonos nunha pequena fraga, a devesa de Sequeiros, unha mostra do bosque atlántico que antigamente ocupaba esta terra e onde a especie dominante é o carballo acompañado de castiñeiros, loureiros, xilbarbeiras…

Unha vez se sae do bosque podémonos achegar ata a pequena fervenza do Canal Carreiro situada a apenas a 100 metros de distancia.

Na ponte de Portochán gozaremos dunha vista inmellorable sobre o río e o seu bosque de ribeira no que dominan grandes ameneiros e freixos. Nesta ponte comeza o couto de pesca da Ponte Maceira.

Continuando o percorrido polo Tambre, chégase novamente á praia fluvial.

Máis información: