Pestanas principais

Patrimonio arqueolóxico

Os concellos de Ames, Santiago e Teo constitúen unha área arqueolóxica das más importantes de Galicia, xa non só pola abundancia, senón pola calidade e conservación dos petróglifos. Actualmente pódense contar máis de cen xacementos entre os tres municipios no val da Maía e a contorna fluvial do río Sar. No caso de Ames, o concello conta con verdadeiras xoias arqueolóxicas, con petróglifos como o de Oca, ou a Nave, situada en Mourigade na parroquia de Bugallido. Ademais, na área rupestre de Ventosa atópanse tres conxuntos de petróglifos: o de Monte Castelo, Peneda Negra e Campo Redondo.
 
Para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Ames e doutros municipios da comarca compostelá, os concellos de Ames, Santiago, Brión, Teo e Val do Dubra e a Deputación da Coruña asinaron un convenio de colaboración para crear o Parque Compostela Rupestre. O convenio establece a cooperación para promover e xestionar de forma conxunta o proxecto de promoción e posta en valor da arte rupestre nas cinco localidades. A través do Comité de dirección do proxecto iranse asignando os fondos para diferentes cuestións como a mellora da contorna e o estado dos xacementos, un plan director ou un plan de comunicación.

Por outra banda, o Concello de Ames, vén colaborando co colectivo A Rula, para organizar durante o período estival visitas nocturnas a distintos petróglifos como o da Nave, en Mourigade, ou os do Monte Castelo e Peneda Negra, en Ventosa. Este tipo de actividades serven para explicarlles aos participantes os diferentes paneis insculturados co apoio de iluminación artificial rasante que permite unha óptima visualización dos petróglifos.