Pestanas principais

Cruceiro

Os cruceiros son monumentos que adoitan situarse nas encrucilladas de camiños, nas lindes de parroquias, nos adros de igrexas e casas nobres. Constan dunha cruz monumental con iconografía relixiosa no anverso e no reverso, capitel decorado, columna ou varal, pedestal e plataforma con escaleiras en forma de pirámide truncada.

Cruceiro de San Lorenzo de Agrón

 Cruceiro sobre bancadas de sección cadrangular e mamperian a modo de chanzo. A basa é de gran tamaño con incricións nas súas caras, o fuste é de sección cadrada no inicio e final, mentres que na parte central é octogonal. O capitel está adornado con facianas e volutas rematado por un crucifixo coa representación do Cristo e da Virxe, apoiada sobre unha cabeza a xeito de pedestal. Ao seu carón atópase un sinxelo altar.

Cruceiro de Agarea, en San Lorenzo de Agrón

Cruceiro de labra sinxela que se encontraba sobre tres bancadas de pedra semienterradas de sección cadrangular e fuste octogonal, rematado en capitel sinxelo e cruz. Na actualidade presenta un estado deteriorado.

Cruceiro de Piñor, en San Lorenzo de Agrón

Cruceiro de basa de sección cadrada, sen bancadas, fuste de sección octogonal e capitel sinxelo, acorde coa cruz.

Cruceiro de Sura, en Santa Mariña de Ameixenda

Cruceiro sinxelo sen basa, no que o fuste, de sección octogonal, se atopa directamente apoiado sobre o terreo. Remata unha cruz sinxela sobre o fuste, con ausencia de capitel.

Cruceiro de Vilar, en Santa Mariña de Ameixenda

Cruceiro sobre tres bancadas de sección cadrangular, basa cun destacado predominio da anchura sobre a altura, fuste de sección cadrada no inicio e no final, con arestas matadas, o que lle confire unha sección octogonal. Rematado por un capitel que soporta unha cruz de labra sinxela con adornos na fin de cada brazo. Dispón dun altar para realizar actos litúrxicos ao aire libre. O conxunto localízase nunha pequena explanada diante da igrexa parroquial de Santa Mariña de Ameixenda.

Cruceiro de Barouta, en Santo Tomé de Ames

Cruceiro sobre tres bancadas de sección cadrangular sobre o que se apoia o fuste rematado por un capitel troncopiramidal invertido. Dispón dun fornelo que acubilla unha imaxe da Virxe. Na parte superior da mesma, e rematando o conxunto, encóntrase unha sinxela cruz cun Cristo. Está próximo á capela de San Mauro.

Cruceiro do Adro, en Cruxeiras, en Santo Tomé de Ames

Cruceiro sobre dúas bancadas cadrangulares, unha delas semienterrada e case a nivel do pavimento. Basa sinxela, fuste de sección circular e con menor diámetro nos estremos que no inicio e final do mesmo. Capitel con diferentes frisos que serve de soporte a unha cruz sinxela de brazos redondos e figuras do Cristo e da Virxe. Ten un altar de pedra. O conxunto encóntrase no adro da igrexa parroquial de Cruxeiras.

Cruceiro de Lamas, en Santo Tomé de Ames

Cruceiro sinxelo sen bancadas, basa apoiada directamente sobre o terreo, fuste de sección cadrada no inicio e no final con arestas chafranadas. Capitel sinxelo sen adornos cun brazo longo do que foi un cruceiro.

Cruceiro de Oca, en Santo Tomé de Ames

Cruceiro sobre dúas bancadas de sección cadrangular. Como basa ten un prisma cadrado, fuste de sección cadrada no inicio e no final coas arestas chafranadas, o que ofrece unha sección octogonal. Capitel sinxelo e, sobre el, cruz de sección octogonal labrada no final dos brazos e sen imaxe. Sitúase preto da Capela da Virxe do Corpiño.

Cruceiro de Oca, en Santo Tomé de Ames

Cruceiro sobre un so pedestal semienterrado, de base prismática, fuste de sección cadrada no inicio e no final con arestas matadas, o que lle confire unha sección octogonal, capitel sinxelo con cruz.

Cruceiro de Pousada, en Santo Tomé de Ames

Cruceiro sobre tres bancadas de sección cadrada, unha delas semienterrada sen basa, fuste de sección octogonal, capitel de cruz simétrica de brazos de igual lonxitude. Pódese destacar a escasa lonxitude do fuste, se se compara co resto de cruceiros do Concello.

Cruceiro de Searez de Arriba, en Santo Tomé de Ames

Cruceiro sobre dúas bancadas de sección cadrada, basa de pouca altura, fuste de sección cadrada no inicio e final e arestas chafranadas. Capitel decorado con pequenas cabezas e volutas con imaxes de labra fina de Cristo e da Virxe a cada lado.

Cruceiro de Vilar, en Santo Tomé de Ames

Cruceiro sobre unha bancada de sección cadrada, fuste de sección cadrada no inicio e no final e arestas chafranadas, o que lle dá unha sección octogonal, capitel sinxelo e cruz con detalles son extremos dos brazos.

Cruceiro do adro da igrexa de Santa María do Biduído

Cruceiro sobre tres bancadas de sección cadrangular, basa prismática, fuste de sección cadrada nun primeiro tramo e octogonal ou de arestas chafranadas no resto. Capitel adornado con volutas e remate da cruz con imaxes da Virxe e do Cristo. Dispón dun altar sobre unha base de pedra.

Cruceiro de Raíces, en Santa María de Biduído

Cruceiro sobre unha bancada cadrangular, basa prismática sinxela sen labrar, fuste de sección octogonal e capitel sinxelo que soporta unha cruz sen imaxe. Encóntrase nun cruce de camiños próximo á Casa de turismo rural "Casa do cruceiro".

Cruceiro de Buceleiras, en San Pedro de Bugallido

Cruceiro sinxelo, sen bancada e con ausencia de ornamentación.

Cruceiro de Eirapedriña, en San Pedro de Bugallido

Cruceiro sobre unha bancadas de sección cadrada, basa decorada con animais, fuste de sección cadrada no inicio e octogonal no resto, capitel decorado e cruz con labra fina. Dispón de dúas imaxes con anxos na zona superior que suxeitan a coroa da Virxe.

Cruceiro de Guimaráns, en San Pedro de Bugallido

Cruceiro sobre tres bancadas de sección cadrada, basa sinxela e fuste de sección cadrada no inicio e octogonal no resto. Capitel escaso no que se apoia unha cruz con imaxes da Virxe e do Cristo. O conxunto complétase cun altar.

Cruceiro de Guimarán, en San Pedro de Bugallido

Conxunto formado por un fornelo que acubilla unha imaxe e, por detrás, ten unha cruz sinxela e de pouca altura, apoiado sobre unha lousa de pedra.

Cruceiro de Tarrío, en San Pedro de Bugallido

Cruceiro sobre tres bancadas de sección cadrada, basa labrada, fuste de sección cadrada no inicio con decoración de baixo relevo, sendo o resto de sección octogonal. Capitel ornamentado con volutas e rosetóns que acollen no seu interior cabezas, cunha cruz sen ornamentación.

Cruceiro da igrexa de Santo Estevo de Cobas

Cruceiro sobre dúas bancadas de sección cadrada, unha delas semienterrada, basa prismática, fuste de sección cadrada no inicio e de arestas chafranadas no resto. Capitel sinxelo que soporta unha cruz de labra fina cunha imaxe a cada lado, un Cristo e unha Virxe. Perpendicular a unha das diagonais das bancadas, encóntrase un pequeno altar.

Cruceiro de Trasmonte, en Santa María de Trasmonte

Cruceiro de Monte, en Santo Estevo de Cobas
Cruceiro sobre muralla de pedra, basa prismática, fuste de arestas matadas, o que lle confire unha sección octogonal. Capitel sinxelo que soporta unha cruz sen imaxe e detalles de labra nos extremos dos brazos.

Cruceiro de Lens, en San Paio de Lens

Cruceiro sobre tres bancadas de pedra de sección cadrangular, co primeiro case enterrado, basa con remate semiesférico na súa parte superior, fuste de sección cadrada no inicio e con baixorelevos, sendo o resto de sección octogonal. Capitel con volutas que soporta unha cruz cunha imaxe a cada lado de labra fina. Remata o conxunto un altar de pedra que se encontra situado entre a igrexa de San Paio e o cemiterio.

Cruceiro de Barreira, en San Xoán de Ortoño

Cruceiro sobre dúas bancadas sendo a inferior de maior grosor para poder salvar o desnivel. Basa prismática con baixorelevos, fuste de sección cadrada no inicio cos mesmos detalles da basa, e o resto de sección octogonal. Capitel ornamentado e decorado con pequenas follas. Remate de cruz sinxela cunha imaxe a cada lado. Encóntrase próximo á Capela da Mercede.

Cruceiro de Cantalarrana, en San Xoán de Ortoño

Cruceiro sobre tres bancadas, basa prismática, ornamentada na parte superior, fuste de sección cadrada no inicio e octogonal no resto, con detalles de labra. Capitel decorado con facianas e motivos vexetais.Remate de cruz con dúas imaxes no anverso e reverso e outra imaxe de menor tamaño a carón do Cristo.

Cruceiro de Casaliño, en San Xoán de Ortoño

Cruceiro sobre un pedestal executado en mampostería, base sinxela, fuste de sección cadrada no inicio e no final e de arestas chafranadas. Capitel sinxelo que soporta unha cruz sen imaxe.

Fornelo de Maguxe, en San Xoán de Ortoño

Fornelo en pedra cunha imaxe labrada no seu interior. Encóntrase colocado sobre un muro de pedra, ao pé da estrada.

Cruceiro no lugar do Santo, en San Xoán de Ortoño

Cruceiro sobre tres bancadas de sección rectangular, coa última semienterrada, basa de sección cadrada e remate en circular sobre o que descansa o fuste, de sección cadrada no inicio e octogonal no resto. Capitel ornamentado e cruz insertada con dúas imaxes labradas do Cristo e da Virxe Dolorosa. Apréciase unha lixeira policromía na superficie das figuras. Dispón dun altar de pedra.

Cruceiro de Sisalde, en San Xoán de Ortoño

Cruceiro asentado sobre o terreo, sen bancadas, basa prismática de arestas matadas pola súa cara superior, fuste de sección cadrada no inicio e no final e octogonais no resto. Capitel sinxelo cunha cruz sen adornos.

Cruceiro de Sisalde, en San Xoán de Ortoño

Cruceiro sen bancadas sobre muro de pedra, fuste de sección octogonal, capitel sinxelo e cruz insertada de sección redonda e pequenos relevos na labra.

Cruceiro de Covas, en San Mamede de Piñeiro

Cruceiro sobre dúas bancadas de sección cadrada, base prismática de arestas chafranadas no seu plano superior e cunha placa de mármore na súa fronte. Fuste de sección cadrada no inicio e no final e de sección octogonal no resto. Capitel sinxelo e da mesma sección que o fuste, a cruz no leva imaxe.

Cruceiro de Rúa, en San Mamede de Piñeiro

Cruceiro sobre unha bancada de sección cadrada, base prismática en terminación superior curva, fuste de sección cadrada no inicio e octogonal no resto. Capitel sinxelo e cruz insertada de labra sen imaxes.

Cruceiro de San Mamede, en Piñeiro

Cruceiro sobre tres bancadas de sección cadrada, coa última semienterrada. Basa prismática e fuste insertado de sección cadrada no inicio e final e octogonal no resto. Capitel sixelo e cruz sen imaxe.

Cruceiro de San Mamede, en Piñeiro

Cruceiro asentado na rocha. Fuste de sección cadrada no inicio e octogonal no resto, capitel sinxelo e cruz con labra nos extremos dos brazos sen iconografía.

Cruceiro de Vilaverde, en San Mamede de Piñeiro

Cruceiro sobre unha bancada de base prismática de arestas matadas na parte superior, fuste de sección cadrada con arestas matadas no inicio e final e octogonal no resto. Capitel sinxelo cunha cruz coas mesmas características.

Cruceiro de Frenza, en San Cristovo de Tapia

Cruceiro sobre dúas bancadas de sección cadrada, basa prismática e fuste insertado de sección octogonal e rematado sobre un sinxelo capitel sobre o que descansa un cruceiro coas mesmas características.

Cruceiro de Frenza, en San Cristovo de Tapia

Cruceiro que descansa sobre a rocha, sen bancadas, fuste de sección cadrada no inicio e final e octogonal no resto, cun capitel sinxelo que soporta unha cruz.

Cruceiro de Frenza, en San Cristovo de Tapia

Cruceiro sobre bancada de sección cadrada, sen basa, fuste de sección cadrada no inicio e final e octogonal no resto, con capitel sinxelo que soporta unha cruz. Dispón dun altar de labra sinxela.

Cruceiro de Vilouta, en San Cristovo de Tapia

Cruceiro sobre unha bancada de sección cadrada, basa prismática, fuste de sección cadrada no inicio e final e octogonal no resto. Capitel sinxelo que soporta unha cruz.

Cruceiro de Vilouta, en San Cristovo de Tapia

Cruceiro sobre unha bancada de sección cadrada, base prismática e fuste insertado de sección cadrada no inicio e final e octogonal no resto, con capitel sinxelo que recibe unha cruz de iguais dimensións e adornada na superficie pero sen imaxes. Encóntrase próximo a unha fonte e no eixo transversal da Capela da Madalena.

Cruceiro de Salgueiro, en Santa María de Trasmonte

Cruceiro sen bancadas sen basa, apoiado directamente sobre a rocha, fuste de sección cadrada no inicio e octogonal no resto. Capitel sinxelo e, na actualidade, sen cruz.

Cruceiro de Trasmonte, en Santa María de Trasmonte

Cruceiro sinxelo asentado sobre base monolítica, labrado nos extremos dos brazos e situado no cemiterio, fronte á igrexa parroquial.

Cruceiro de Trasmonte, en Santa María de Trasmonte

Cruceiro sobre cinco bancadas de sección cadrada, coa última enterrada, basa monolítica con arestas na cara superior redondeadas, fuste de sección octogonal e detalles labrados próximos ao capitel decorado con motivos xeométricos, con facianas nos catro lados e labra no extremo dos brazos cun Cristo na fronte. Remata o conxunto un altar sinxelo.

Cruceiro da Casa de Rocamán, situado en Bertamiráns, en San Xoán de Ortoño

Cruceiro sobre unha plataforma decorada, con fuste de sección cadrada na zona inferior e circular no resto. Capitel con ornamentación e cruz co Cristo e a Virxe.

Cruceiro de Carballo, en Susavila de Carballo, en Santa María de Trasmonte

Cruceiro asentado sobre unha plataforma, situada nunha veiga, con fuste cadrangular, capitel e cruz de gran sobriedade.