Pestanas principais

Idade Moderna

Durante o Antigo Réxime as parroquias que componen o actual Concello de Ames estaban distribuídas entre as xurisdicións de Altamira, Dubra, Amaía e o Xiro da Rocha, pertencentes as catro á provincia de Santiago. Na xurisdición de Altamira estaban integradas as parroquias de Agrón, Bugallido, Lens, Ortoño e Trasmonte. O marqués de Alcañizas tiña o señorío sobre a xurisdición de Dubra que incluía as parroquias amienses de Piñeiro e Tapia. Ao arcebispo de Santiago tiña potestade sobre as xurisdicións de Amaía e Xiro da Rocha, a primeira abranguía as parroquias de Ames e Covas e a segunda as de Ameixenda e Biduído.

Na Idade Moderna, Ames asiste á difusión dos novos cultivos traídos de América como o millo e as patacas; estes novos produtos contribuirán a acrecentar a riqueza agrícola da Amaía que será a base económica que permitirá a construción dos pazos señoriais e as igrexas do Barroco.

Durante a época moderna, importantes familias nobiliarias afianzarán as súas posesións nas terras amienses e atesourarán enomes fortunas mediante o cobro dos foros. Sobre esa riqueza desenvolverase na nosa comarca unha importante arquitectura de pazos e casas fortes ao longo dos séculos XVII e XVIII. En Ames salientan o pazo da Peregrina, en Bertamiráns, propiedade dos Altamira; o de Leboráns, en Trasmonte, que pertenceu aos Caamaño e Lens; e a Casa de Sandar, en Agrón, que foi solar dos Acuña, os Figueroa e os Suárez.

O pagamento dos décimos á Igrexa favorecerá asemade o esplendor da arquitectura e escultura barroca. Así a igrexa de San Cristovo, en Tapia, construída en 1778, conserva un interesante retablo barroco de 1719 no que se representa á Virxe; a de San Lourenzo, en Agrón, reconstruída a mediados do século XVIII, ten o retablo maior de estilo barroco e un retablo dedicado ao Sagrado Corazón de Xesús; na de Santa María, en Trasmonte, destaca un retablo da Natividade. Son tamén de fábrica barroca as Igrexas de San Paio, en Lens, e a de Vilar en Santa Mariña de Ameixenda.