Pestanas principais

Idade Media

Desde o século IX a Amaía aparece documentada como xurisdición e no século XII identificaba xa un arciprestádego dependente de Compostela. Nos séculos finais da Idade Media comarca foi escenario dunha dura desputa entre a mitra compostelana e a liñaxe dos Moscoso ao tempo que se afianzaban as rutas xacobeas polas terras de Ames.

Desde as torres de Altamira, no veciño concello de Brión, os Moscoso quixeron facer valer o seu dominio sobre as terras amienses ao que se opuso o arcebispado de Compostela. Sabedor da ameaza que supuña a fortaleza de Altamira, o arcebispo Fonseca ordenou o derrubamento das torres para o que organizou un importante exército que, ao mando do seu irmán Luís de Acevedo, atacou as posesión dos Moscoso. As hostes de Acevedo foron esmagadoramente derrotadas en 1455 e o arcebispo Fonseca foi preso e encerrado dous anos nas mazmorras de Altamira até o pagamento do seu rescate. Para celebrar a súa vitoria Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso se concedeu o título de conde de Altamira. Finalmente, o preito resolveuse favorablemente para os intereses da Mitra compostelana que en 1554 recuperou a xurisdición da Amaía polo que o conde de Altamira houbo de darlle ao arcebispo unha egua domada en sinal de aceptación do seu dominio.

Durante a Idade Media afianzarase o Camiño Real a Fisterra, sobre o trazado dunha vía romana secundaria, vinculando a Ames ao movemento relixiosos das peregrinacións e baixo o coidado da Mitra Compostelá construirase no século XIV a ponte de Pontemaceira, posiblemente utilizando os alicerces dunha antiga ponte romana, para garantir o paso do río Tambre polos romeiros.