Actualidade

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, presentou esta mañá a vixésimo primeira edición do Certame Literario de Ames, ao que os/as creadores/as poden presentar os seus textos inéditos de narrativa e poesía en lingua galega. As candidaturas poderán remitirse ata o vindeiro 24 de abril. As bases ao completo do certame poden consultarse premendo nesta ligazón. Descarga aquí a ficha de participación no XX Certame Literario de Ames.

Xa coñecemos as regueifas premiadas na sétima edición do certame Enreguéifate, o proxecto impulsado polos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega. Como en edicións anteriores, o certame contou con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para o alumnado dos centros educativos galegos non universitarios; e cun total de seis premios en cada unha das categorías: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.

O programa Apego continúa o seu programa de actividades neste mes de marzo co espectáculo musical “Ritmando”, de @s Jaloch@s, que se vai desenvolver na Casa da Cultura de Bertamiráns o sábado 16 de marzo, ás 18:00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 15 de marzo, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.

O programa Apego continúa co seu programa de actividades coa sesión de contos con música “Lúa Triangular. Nada é imposible”, de Jara Ortiz, que vai ter lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 8 de marzo, ás 18:00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 7 de marzo, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte, 23 de febreiro, unha gala homenaxe a Rosalía de Castro. Esta gala, que foi o acto central da programación rosaliana organizada polo Concello, puxo o broche de ouro a máis dunha semana de actividades para revitalizar o pensamento e obra da escritora padronesa, e para poñer en valor o seu vínculo co concello de Ames. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de imaxes da gala.

Este venres, 23 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 19:00 horas, a Gala homenaxe a Rosalía de Castro. Trátase do acto central da programación rosaliana que organiza o Concello de Ames para conmemorar o aniversario da escritora que se celebra o 23 de febreiro, ao tempo que se pon en valor o seu vínculo co concello e se revitaliza o seu pensamento e a súa obra. Para a súa organización cóntase coa colaboración dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino de Ames. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 17 de febreiro, unha ruta por algúns dos lugares emblemáticos da vida e da obra de Rosalía de Castro con motivo da conmemoración do aniversario da autora. A excursión, na que participaron cincuenta persoas, estivo dirixida pola profesora e experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón.

O proxecto Youtubeiras celebrou este sábado, 17 de febreiro, a gala de entrega dos seus premios no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Ao longo do acto, presentado por Nuria Vil e Gabri Fuentes, entregáronse oito galardóns, todos eles acompañados dunha dotación económica. Nesta edición presentáronse 68 canles diferentes, ás que hai que sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia a través das redes sociais, o que supón máis de 32.400 minutos de contidos en galego en Youtube.

Este xoves, 15 de febreiro, comezou a programación Rosalía 2024 coa exposición de versos rosalianos nas rúas e nas prazas amesás, Luxo no Lixo. Esta exposición urbana ao aire libre abrangue unha ampla e variada escolma textos rosalianos e utiliza un soporte tan pouco convencional coma a propia autora na procura de xerar impacto e de darlle visibilidade ao pensamento e á obra de Rosalía de Castro. Así, toda a veciñanza e quen visite Ames entre o 15 e o 29 de febreiro atopará por todo o concello papeleiras coa silueta e con versos e outros textos da autora. Esta iniciativa forma parte das actividades que se van desenvolver en Ames co gallo do Día de Rosalía.

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística e Turismo, abre o prazo de inscrición para participar na andaina polo Mar de Ovellas, incluída na programación de Rosalía 2024 e que terá lugar o domingo 25 de febreiro, das 10.00 ás 13.30 horas. As persoas que queiran participar na andaina teñen que escribir un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e lugar onde prefiren subir ao autobús (O Milladoiro ou Bertamiráns). O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de febreiro. Trátase dunha ruta de dificultade media que parte de Augapesada e vai ata o local social de Trasmonte. O seu itinerario coincide co Camiño de Fisterra – Muxía. A andaina estará teatralizada polos Quinquilláns e contará co acompañamento musical de Luís O´Caruncho. A actividade rematará no local social de Trasmonte coa degustación do Caldo de Gloria que Rosalía recolle no poema Miña casiña meu lar.
- ‹ anterior
- 10 de 40
- seguinte ›